Amper recorta vendas e beneficios pero roza os 700 millóns en encargas grazas a Navantia
A compañía que preside o exministro de Defensa, Pedro Morenés, pechou o primeiro semestre do ano cunha facturación por valor de 126 millóns de euros e materializou a compra de tres novas empresas (Teltronic, Zeleros e Freqcon).
Pedro Morenés, exministro de Defensa e presidente de Amper / EFE
Nova etapa en Amper. A compañía que preside o exministro de Defensa, Pedro Morenés, fixo públicos este venres os seus resultados correspondentes á primeira metade dun exercicio 2026 no que rexistrou un recorte de vendas e beneficios.
A cotizada española sufriu un recorte do 24,8% nas súas vendas no primeiro semestre. Estas retrocederon de 167,6 a 126 millóns de euros, algo que atribúe á “saída do perímetro dos negocios de servizos industriais durante 2025, dentro da estratexia de concentración en negocios tecnolóxicos de maior rendibilidade nos mercados obxectivo, e á redución prevista da actividade offshore.
“Excluíndo ambos efectos, o negocio rexistra un crecemento superior ao 25%, confirmando o bo comportamento comercial e operativo das actividades estratéxicas do grupo”, engade a firma, que pon en valor a súa “sólida evolución operativa”.
Neste sentido, Amper, que no primeiro semestre de 2025 anotou unha plusvalía de 7,1 millóns pola venda de activos, viu como o seu beneficio neto retrocedeu de 4,3 a un millón de euros neste inicio de 2026. “O ebitda alcanzou os 24,8 millóns de euros, un 52,8% máis que no primeiro semestre de 2025, mentres que o marxe ebitda situouse no 19,7%, mellorando en 10 puntos porcentuais respecto ao mesmo período do ano anterior. Esta evolución reflicte o cambio estrutural do “mix de negocios”, cun maior peso das actividades de defensa e seguridade Nacional, así como o efecto das medidas de eficiencia operativa, optimización de custos e foco comercial en proxectos de maior rendibilidade e valor engadido”, reivindica a empresa.
É por iso que Amper destaca a “mellora” na súa rendibilidade e pon o foco en que “continúa reforzando a calidade da súa carteira de negocio, situándose en liña cos obxectivos orzamentarios do exercicio”.
Case 700 millóns de euros en encargos
“A carteira de pedidos alcanzou os 676,2 millóns de euros, un 18,2% superior á existente ao peche do primeiro semestre de 2025. A calidade, volume e grao de madurez das oportunidades comerciais actualmente en xestión permiten manter o obxectivo de pechar o exercicio cunha carteira superior aos 800 millóns de euros, reforzando a visibilidade dos ingresos para os próximos exercicios”, recalca a firma.
Sobre este punto brillan con luz propia os contratos para a finalización do deseño, enxeñaría e subministración de catro reactores catalíticos de CO/H₂ para os submarinos S-83 e S-84 que constrúe Navantia en Cartagena. Tamén a adxudicación á súa filial galega Elinsa dos traballos de fabricación da infraestrutura eléctrica do futuro Buque de Aprovisionamento de Combate (BAC) da Armada España, incluíndo os cadros principais, centros de control de motores, e rede de accidentes, dentro do marco do Programa Especial de Modernización (PEM), para Navantia.
Ademais, a súa outra gran filial galega, WindWaves, que rexistrou a entrada de Cofides no seu accionariado, asegurou dous novos contratos para a fabricación, integración estrutural e montaxe de bloques de aceiro e sistemas de tubaxe destinados ás fragatas F-113, F-114 e F-115 de Navantia.
“Os resultados do primeiro semestre demostran que a transformación realizada está a dar os froitos previstos. Sobre a base dunha plataforma de capacidades tecnolóxicas e industriais de uso dual construímos un Grupo cunha maior calidade nos ingresos, significativamente máis rendible e plenamente aliñado cos dous sectores de maior crecemento estratéxico. A evolución do semestre permítenos afrontar a segunda metade do ano con confianza no cumprimento dos obxectivos do Plan Estratéxico 2026-2028”, destaca o seu CEO, Enrique López.
Amper situou o seu ratio de débeda financeira neta sobre ebitda en 2,5 veces “como consecuencia do inicio da execución das inversións asociadas á ampliación de capital de xullo de 2025, as vinculadas á entrada de Cofides no capital de Elinsa e a estacionalidade propia do capital circulante do negocio nos primeiros semestres”. Todo iso nun momento marcado pola súa onda de adquisicións de empresas como Teltronic, Zeleros e Freqcon.