Gadisa expande as súas tendas franquiciadas con 22 novas aperturas en 2025.
Gadisa Retail xa conta con 256 establecementos franquiciados entre Galicia, Asturias, Castela e León e Madrid; ao redor deles xiran un milleiro de postos de traballo.
Imaxe dun Claudio franquiciado / Gadisa
Novo impulso de Gadisa Retail á súa liña de establecementos franquiciados. A compañía despediu o seu exercicio fiscal 2025 coa apertura de 22 tendas Claudio.
Deste xeito, a cadea de distribución galega xa conta con 256 establecementos deste tipo en Galicia, Asturias, Castela e León e Madrid. “Este crecemento confirma a relevancia desta franquía no sector da distribución. No que vai de ano, xa incorporou dous novos Claudio: un en A Coruña e outro en Barro (Pontevedra)“, reivindica a firma.
“A proximidade aos clientes e garantir servizos básicos en poboacións de diferente tamaño guiaron este crecemento, que reflicte o seu compromiso coa dinamización socioeconómica do territorio xerando novas oportunidades de emprendemento e creando emprego”, engaden desde Gadisa.
Estas aperturas traducíronse na creación de 100 novos postos de traballo, ata facer un total de 1.000 o número de empregados nestes establecementos que se ubican principalmente en zonas con baixa densidade de poboación.
A maior parte destas aperturas (15) tiveron lugar en Galicia. A Coruña e Sanxenxo dotáronse de dous establecementos deste tipo mentres que Carballo, Cariño, Dodro, Fene, Agolada, Arbo, Cambados, Vilanova de Arousa, Cea, Verea e Quiroga foron os outros concellos elixidos para acoller a novos establecementos de Claudio. Ademais, tamén se estrearon outras tres tendas en Asturias (Oviedo, Xixón e Avilés); dúas en Madrid e outra en Castela e León (Zamora).
Os 142 Claudio Express ofrecen un surtido básico con produtos moi seleccionados de alimentación, hixiene e droguería para atender a un perfil de cliente que busca rapidez e comodidade, así como amplos horarios. Están implantados, fundamentalmente, en estacións de servizo de vías principais e secundarias, así como en entornos urbanos”, destacan desde Gadisa.
“Por outra parte, os 114 Claudio, son puntos de venda de proximidade, con atención personalizada e unha superficie media. Os clientes teñen á súa disposición unha completa variedade de produtos locais, de marcas líderes e da marca propia IFA”, recalcan desde o grupo de distribución 100% galego.