Terceira vitoria de Sandra Ortega no xulgado fronte aos bancos pola quebra de Room Mate.
Un xulgado de Madrid dictamina que a muller máis rica de España non terá que aboar os 48 millóns que lle reclamaba Abanca polas "comfort letters" que avalaban a financiación a Kike Sarasola coa súa suposta firma.
Sandra Ortega e Kike Sarasola
Sandra Ortega rexistra a terceira vitoria consecutiva nos xulgados pola quebra de Room Mate, cadea hoteleira da que foi accionista e que durante anos financiou Rosp Corunna, o seu holding, tanto de maneira regular como irregular. Agora, un xulgado de Madrid dictamina que a muller máis rica de España non terá que abonar os 48 millóns que lle reclamaba Abanca polas comfort letters que avalaban a financiación a Kike Sarasola coa súa suposta firma.
Primeiro foi EBN Banco e despois Banca March. Agora, segundo adianta El País, é a quenda de Abanca. Nunha sentenza do pasado 30 de xaneiro, o xuíz do Civil Santiago Tudela desestima a reclamación do banco de Juan Carlos Escotet, que instaba á devolución de 48 millóns de euros polas cartas de patrocinio (comfort letters) que levaban a suposta firma de Sandra Ortega e foron xestionadas cos bancos por quen durante anos foi home de confianza da súa nai, José Leyte, número dous de Rosp Corunna.
Nin consentimento tácito
Sobre se a empresaria tiña coñecemento dos avais e os consentiu, o xuíz asegura na sentenza, di El País, que non ve acreditado que Ortega, administradora única de Rosp Corunna, “prestara o seu consentimento expreso nin tácito á firma das cartas, sendo a única que podía facelo polas limitacións de poderes que tiña Leyte”. “Se non as asinou nin prestou o seu consentimento expreso, non cabe unha confirmación nin ratificación de forma tácita”, explica o xuíz na sentenza.
En maio de 2025, un Xulgado de Primeira Instancia de Madrid desestimou unha demanda contra Rosp Corunna da entidade EBN, que pretendía que a family office da filla maior de Ortega lle abonase 1,5 millóns.
Suplantación de firma
Os avogados de Sandra Ortega argumentaron en todo momento, na súa defensa, que a empresaria non podía asumir o pago dunha garantía contemplada nun documento que é nulo e que tería sido asinado polo exdirector xeral de Rosp Corunna, “suplantando a firma”.
En outubro do ano pasado Sandra Ortega gañaba outra vez nos xulgados, a Banca March, e evitaba 36 millóns en indemnizacións por Room Mate. O Xulgado de Primeira Instancia número 62 de Madrid desestimou entón outra demanda, neste caso de Banca March, contra Rosp Corunna ao entender que o seu ex xestor, José Leyte, utilizou a firma de Sandra Ortega para emitir as cartas de patrocinio a Room Mate antes da súa quebra.