Atlas Urbano: Ourense combina a peor calidade do aire cun dos tecidos empresariais ‘verdes’ máis consolidados
A ‘Cidade das Termas’ sitúase no estudo impulsado por Economía Dixital Galicia entre as cidades galegas que conservan entre un 50 e un 60% dos seus termos municipais baixo cuberta forestal.
Praza Maior de Ourense. Concello de Ourense
O diagnóstico de Ourense no Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia reflicte unha realidade complexa chea de matices. A cidade presenta algúns dos rexistros máis desfavorables do sistema urbano galego en contaminación atmosférica e acústica, condicionados por factores como a súa ubicación e a elevada dependencia do vehículo privado, pero mantén ao mesmo tempo unha posición destacada grazas a un tecido empresarial verde capaz de impulsar a transición cara a un modelo económico máis circular.
Segundo explica o informe, impulsado por Economía Dixital Galicia, a contaminación atmosférica mídese mediante unha batería de indicadores como o dióxido de nitróxeno (NO₂), dióxido de xofre (SO₂), partículas en suspensión grosas (PM10) e finas (PM2,5), ozono troposférico (O₃) e monóxido de carbono (CO).
Dous destes indicadores son especialmente relevantes para a saúde pública. O primeiro é o dióxido de nitróxeno, que é o gas resultante da combustión a alta temperatura e permite coñecer a cantidade de tráfico que circula por unha determinada zona. O segundo é o das partículas en suspensión finas cun diámetro inferior a 2,5 micras, que poden chegar a atravesar a barreira alveolar e entrar no torrente sanguíneo, provocando patoloxías cardiovasculares, respiratorias e neurolóxicas.

Os datos do Atlas amosan como Ourense rexistra un total de 19 microgramos por metro cúbico de aire (μg/m³) de PM2,5 e de 17 de NO₂, situándose á cola na listaxe das sete urbes galegas. “O valor de PM2,5 supera o limiar recomendado pola OMS (5 μg/m³ como recomendación, 15 como límite anual) nun factor próximo a catro, e duplica a media das catro mellores cidades galegas”.
O seu carácter de cidade do interior, en orografía de val, con uns réximes de inversión térmica invernal “dificultan a dispersión atmosférica”. A iso habería que sumar tamén a alta dependencia do vehículo privado “sen unha rede de transporte público metropolitano comparable a outras como A Coruña”.
Contaminación acústica
A contaminación acústica é outra das materias pendentes da ‘Cidade das Termas’. O estudo impulsado Galicia analiza os indicadores de ruído estandarizados pola Directiva Europea 2002/49/CE, norma marco na que se establece, entre outros, o índice Lden, unha medida sintética que pondera os niveis de ruído ao longo das 24 horas concedendo maior peso aos tramos vespertino (+5 decibelios) e nocturno (+10 decibelios).

Ourense emerge como a cidade co segundo peor rexistro, só por encima de Vigo, cun índice Lden de 69 decibelios, superando os valores normativos anuais establecidos pola lexislación vixente para zonas residenciais urbanas. “A superación deses niveis obriga, segundo a lexislación española, a elaborar plans de acción específicos e a realizar a zonificación acústica detallada, instrumentos cuxa execución foi desigual entre as cidades”.
Territorio e natureza
Ademais dos niveis de contaminación atmosférica e acústica, unha boa calidade ambiental examínase tamén con outras variables complementarias. Un deles é a superficie forestal; Ourense sitúase xunto a Pontevedra, Ferrol, Santiago e Lugo entre as cidades que conservan entre un 50 e un 60% dos seus termos municipais baixo cuberta forestal. “O dato sitúa o sistema urbano galego por riba do estándar continental nun dos poucos indicadores onde Galicia pode exhibir vantaxe comparativa material”.

Tal e como explica o informe, manter a masa forestal periurbana é, ademais dunha decisión paisaxística e ambiental, unha política de adaptación climática de primeiro orde. “Os bosques regulan a temperatura local, capturan carbono, retén auga, manteñen biodiversidade e operan como infraestrutura natural ante eventos climáticos extremos. A cuestión, para as cinco cidades intermedias galegas, non é se conservan a masa forestal, senón se están a facer o necesario para mantela nas próximas décadas fronte á presión combinada de incendios, urbanización dispersa e abandono rural”.
Outro dos indicadores é o da satisfacción cidadá. Ourense sitúase en cuarta posición cun porcentaxe do 27,3%, por debaixo da Coruña, Santiago e Ferrol que rexistran un 30%. Neste indicador o dato máis chamativo conségueno a cidade de Pontevedra que, tendo a maior superficie forestal das sete (59,5%), rexistra a cifra máis baixa de satisfacción co entorno verde (14,6% de persoas con satisfacción moi alta).
O músculo de Ourense en tecido empresarial ‘verde’
Un dos puntos nos que a cidade amosa unha posición de liderado é na existencia dun tecido empresarial circular, é dicir, empresas dedicadas á valorización de residuos, á xestión da auga, á xeración de enerxía renovable, á descontaminación, á economía azul, aos servizos ambientais en sentido amplo, non hai peche efectivo do ciclo de materiais.
Tal e como explica o Atlas, sen este tecido “non hai capacidade endóxena de innovación, de xeración de emprego cualificado vinculado á transición ecolóxica e, en última instancia, para que a cidade capture parte do valor económico que a economía circular está a xerar”.
Ourense concentra un total de 64 empresas, que a sitúan en terceira posición articulando “un tecido empresarial considerablemente máis denso do que cabería esperar polo seu peso demográfico”.
Cuarta edición do Atlas
O Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia analiza na súa cuarta edición a economía circular das urbes galegas desde o enfoque do Monitoring Framework for Circular Economy da Comisión Europea, que concibe a xestión das cidades como o proceso metabólico dun organismo vivo, que importa recursos, os transforma mediante procesos internos e xera emisións. O proxecto contou co apoio de organismos e empresas como a Deputación da Coruña, Sogama, Espina, Reganosa, Exlabesa, Iberdrola, Ence e Veolia.