As fortalezas de Lugo no Atlas Urbano: calidade do aire e baixa contaminación acústica
Lugo, segundo o estudo impulsado por Economía Dixital Galicia, sitúase en segundo posto xunto a Santiago e Vigo na listaxe de cidades adheridas ás grandes redes nacionais e europeas de sostibilidade urbana.
O Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia 2025 reflicte un balance favorable para Lugo en varios dos principais indicadores ambientais. A cidade destaca por cumprir a normativa europea en materia de contaminación acústica, rexistrar niveis de calidade do aire mellores que a media da Unión Europea e manter unha elevada implicación nas principais redes nacionais e europeas de sostibilidade. Fronte a estas fortalezas, o estudo tamén identifica marxe de mellora na taxa de reciclaxe, un dos indicadores nos que Lugo se sitúa na parte baixa da clasificación entre as sete grandes cidades galegas.
Contaminación acústica
A cidade é unha das tres urbes galegas que cumpren a normativa en materia de contaminación acústica. O Atlas Urbano analiza os indicadores de ruído estandarizados pola Directiva Europea 2002/49/CE, norma marco na que se establece, entre outros, o índice Lden, unha medida sintética que pondera os niveis de ruído ao longo das 24 horas concedendo maior peso aos tramos vespertino (+5 decibelios) e nocturno (+10 decibelios).

A cidade rexistra 63 decibelios no índice Lden que entrarían dentro do establecido na normativa, algo que non ocorre coa capital galega a pesar de acadar o mesmo dato. “Aínda que tanto Lugo como Santiago de Compostela rexistran un índice ponderado Lden de 63 decibelios, en cambio os seus niveis de cumprimento normativo son diferentes. No caso de Lugo, os seus rexistros nos tramos específicos (especialmente o nocturno, que é o máis sensible) mantéñense dentro dos márgenes normativos e no caso de Santiago non”.
Calidade do aire
A calidade do aire é outro dos puntos fortes da cidade no análise, conseguindo rexistros mellores que a media da Unión Europea. A contaminación atmosférica mídese mediante unha batería de indicadores como o dióxido de nitróxeno (NO₂), partículas en suspensión grosas (PM10) e finas (PM2,5), dióxido de xofre (SO₂), ozono troposférico (O₃) e monóxido de carbono (CO).
De todos eles, os dous primeiros gardan unha especial importancia para a saúde pública. O dióxido de nitróxeno é o gas resultante da combustión a alta temperatura e permite coñecer a cantidade de tráfico que circula por unha determinada zona. Pola súa banda, as partículas en suspensión cun diámetro inferior a 2,5 micras, poden chegar a atravesar a barreira alveolar e entrar no torrente sanguíneo, provocando patoloxías cardiovasculares, respiratorias e neurolóxicas.

Lugo rexistra un total de 8,8 microgramos por metro cúbico de aire (μg/m³) de PM2,5 e de 17 de NO₂, situándose a metade da táboa nun listado encabezado por Santiago e Ferrol e con Ourense.
Redes institucionais de sostibilidade
Outra das variables que analiza o informe é a adesión das cidades ás grandes redes nacionais e europeas de sostibilidade urbana, un acto voluntario que compromete o concello con determinadas metodoloxías, informes e obrigas de seguimento. Con todo, esta adhesión non garante por si soa resultados pero “sinala disposición institucional e abre portas a foros de intercambio de prácticas, liñas específicas de financiamento europeo e visibilidade internacional en circuitos onde a pertenza importa”.

O estudo recolle a pertenza de cada cidade a cinco redes representativas do ecosistema institucional da sostibilidade urbana:
- Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030
- Rede Española de Cidades polo Clima
- Rede Innpulso de Cidades da Ciencia e a Innovación
- Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía
- Rede Española de Cidades Saudables
Lugo sitúase en segundo posto xunto a Santiago e Vigo, só superados por A Coruña, con catro adhesións de cinco, “nunha triada homoxénea que cobre as principais vertentes (clima, innovación, saúde), coa excepción da Axenda 2030 en dous casos. É unha posición sólida, coherente co peso administrativo de Santiago como capital, coa dimensión metropolitana de Vigo e coa traxectoria sostida de Lugo en políticas urbanas de medio prazo”.
Taxa de reciclaxe
Un dos puntos nos que a cidade de Lugo amosa un amplo marxe de mellora é na taxa de reciclaxe –porcentaxe de residuos que se valorizan– ao situarse na “banda baixa do sistema”.

O listado encabeza Santiago, que acada o 21,2%, seguido de Pontevedra (19,6%). Ferrol, Vigo, Lugo e Ourense concéntranse nunha banda estreita de entre o 12,6 e o 13,6%. Ao marxe deste listado queda A Coruña, que non publica os datos.
Cea edición do Atlas Urbano
O Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia 2025, proxecto impulsado por Economía Dixital Galicia, analiza a economía circular das sete cidades galegas desde o enfoque do Monitoring Framework for Circular Economy da Comisión Europea, que concibe a xestión das urbes como o proceso metabólico dun organismo vivo, que importa recursos, os transforma mediante procesos internos e xera emisións. Nesta cuarta edición, contou co apoio de organismos e empresas como a Deputación da Coruña, Sogama, Espina, Reganosa, Exlabesa, Iberdrola, Ence e Veolia.