Actualizado
Atlas Urbano: Vigo, a metrópole industrializada
A cidade olívica ocupa a terceira posición na comparativa entre as principais urbes galegas e as súas respectivas áreas de influencia recollida na terceira edición do Atlas Urbano da Sostibilidade destacando como unha metrópole industrializada, diversificada e policéntrica

Vista aérea de Vigo. Concello de Vigo
“Vigo proxéctase como unha metrópole industrializada, diversificada e policéntrica cuxa dinámica urbana require a consideración da súa área funcional ou hinterland, composta por municipios que participan activamente na configuración socioeconómica do sistema metropolitano”. Son algunhas das conclusións da comparativa entre as principais cidades galegas e as súas respectivas áreas de influencia recollida na terceira edición do Atlas Urbano da Sostibilidade, na que a cidade olívica ocupa a terceira posición, con 56,75 puntos sobre 100, por detrás de Santiago e A Coruña.
O de mobilidade e transporte é un dos indicadores nos que Vigo e a súa área de influencia –integrada polos concellos de Mos, Redondela, Nigrán, O Porriño e Cangas– obtén un comportamento correcto, aínda que manifesta unha elevada dependencia do vehículo privado cun parque móbil, que no caso de concellos como Mos alcanza os 74,8 vehículos por cada 100 habitantes.
“Resulta evidente a necesidade de reforzar o transporte público, desenvolver solucións intermodais e impulsar políticas activas de mobilidade sostible”. En canto ao ferrocarril, xoga un papel fundamental no transporte a media distancia en Redondela mentres. Vigo tamén conta cunha terminal ferroviaria de referencia aínda que “sen servizos de cercanías na área”.
A sostibilidade ambiental tamén é un dos puntos fortes con niveis de emisións dentro dos estándares europeos. Con respecto aos riscos climáticos diferenciados Cangas é o concello que presenta unha maior exposición a incendios e inundacións que “merece atención nas estratexias locais de adaptación climática”.
Demografía e poboación
En canto a demografía, a pesar dun crecemento natural limitado polo envellecemento, a gran capacidade de atracción laboral e a vitalidade económica, Vigo consegue manter a súa poboación. Máis do 10,8% da poboación de Galicia concéntrase na cidade olívica e a súa área de influencia, reforzando a idea dunha comunidade crecentemente urbana.
“A dinámica demográfica da área presenta unha estrutura significativamente máis nova e dinámica que a media galega”, sinala o Atlas. Neste senso, a idade media é relativamente baixa: 45,7 alis en Vigo, con valores inferiores noutros municipios como O Porriño, onde alcanza os 42 anos.
Turismo e estrutura económica
Bon comportamento mostra Vigo e a súa área tamén no modelo turístico, que non depende exclusivamente da estacionalidade senón que articula unha proposta baseada na conectividade, a escala metropolitana e a multifuncionalidade urbana. En concreto, o sector turístico experimentou un crecemento sostido e unha diversificación de perfís nesta zona, sumando aos activos tradicionais (Illas Cíes, Casco Vello, porto, gastronomía) a organización de eventos.
Na terceira edición do Atlas Urbano da Sostibilidade, Vigo consolídase como o principal motor económico e loxístico de Galicia así como un dos epicentros urbanos máis dinámicos do noroeste da península. “A súa influencia esténdese máis alá dos límites autonómicos e estatais, inseríndose en redes económicas europeas”.
A cidade olívica concentra o 13% do PIB galego, situándose á cabeza na xeración de riqueza na comunidade. A iso hai que sumar a súa alta taxa de actividade laboral, as máis altas de Galicia, cun 57,6%, e unha taxa de ocupación do 50,8%. A pesar diso, a taxa de desemprego do 11,8%, segue estando moi por riba da media europea, reflexo dun núcleo estructural de desemprego.
“A presenza de multinacionais como Stellantis (antiga PSA Peugeot-Citroën) e a actividade do Porto de Vigo (un dos máis activos do Atlántico europeo en tráfico de contedores e pesca fresca) reforzan o seu papel nas cadeas de valor industriais”.
As materias pendentes de Vigo
Dous son os indicadores nos que a área de Vigo obtén unha cualificación de “regular”. O primeiro deles é o da vivenda, un sector marcado polo encarecemento sostido dos prezos, a limitada dispoñibilidade do solo, a súa presión sobre o parque de aluguer e a carencia de vivendas públicas.
A iso hai que sumar que a suburbanización e a presión inmobiliaria tamén presentan problemas posto que despraza o crecemento residencial a concellos colindantes, xerando presión sobre o espazo público, a mobilidade e a preservación da calidade de vida urbana.
O indicador que analiza a innovación e tecnoloxía tamén obtén a mesma cualificación. A pesar de que Vigo lidera o ecosistema dixital do sur da comunidade, con 54 empresas tecnolóxicas e 745 empregos directos, presenta unha fenda de xénero na fundación de empresas (19% mulleres fundadoras), “polo que se pode falar dun ecosistema tech en consolidación”.
A pesar de ser un epicentro industrial, Vigo ten un grao de industrialización relativamente modesto no seu territorio (4,6%), inferior ao de Mos ou O Porriño, que funcionan como espazos industriais complementarios. A súa estrutura empresarial está fortemente atomizada, aínda que algo superior á de concellos veciños en canto a empresas con máis de 20 empregados, algo que evidencia unha “especialización industrial asimétrica e de atomización industrial”.