Ence confía no bloqueo de Ormuz e nos prezos da celulosa para saír de perdas
O grupo con planta en Pontevedra pecha o primeiro trimestre con números vermellos de 17,6 millóns, afectado pola folga na planta de Navia e polos temporais.
Fábrica de Ence en Pontevedra – ENCE – Arquivo
Ence pechou o primeiro trimestre do exercicio con unhas perdas de 17,6 millóns, pero con certo optimismo sobre a evolución futura do negocio. Por unha banda, os números vermellos reducíronse case á metade en comparación co trimestre anterior, cando superaron os 30 millóns, e estiveron impulsados por algúns elementos adversos, como as folgas na planta de Navia vinculadas ao ERE, ou os temporais de comezos de ano que impactaron na área de renovables. Por outra, hai factores que auguran unha evolución positiva dos resultados.
A compañía con planta en Pontevedra apunta a dous: a subida nos prezos da celulosa en Europa en maio, así como o posicionamento do grupo ante o conflito en Oriente Medio, que xerou inestabilidade económica pero tamén abre algunhas oportunidades. No negocio da celulosa, o bloqueo de Ormuz reforza a posición de Ence como operador rexional capaz de ofrecer subministración de proximidade, segundo explica a pasteira. En renovables, consolida o seu papel como impulsor de autonomía enerxética como alternativa local ao gas importado.
“O impacto do conflito nas operacións de Ence debería ser limitado xa que conta con factores estratéxicos mitigantes en ambos negocios radicados na autosuficiencia enerxética das súas plantas de celulosa, a preeminencia de subministracións locais (a práctica totalidade do subministro de madeira procede dun radio de 110 km e o 100% da biomasa utilizada na plataforma de renovables ten carácter local) e a súa exposición comercial a Europa”, afirma a empresa no informe de resultados remitido á CNMV.
Este escenario fai entrever a Ence un horizonte mellor tras os prezos excepcionalmente baixos que arrastra desde 2025. Segundo explica, o prezo da celulosa situouse en 1.286 $/tn ao peche do trimestre e actualmente está negociándose xa a un maior, fronte a 1.100 $/tn o 31 de decembro de 1.380 $/tn. Ademais, anunciouse unha subida adicional de 50 dólares por tonelada para maio. De producirse, supoñerían case 240 dólares máis por tonelada que a comezos de 2025. “En Europa, as potenciais dificultades para importar papel e celulosa de Asia, Latinoamérica e Oriente Medio ante a disrupción de rutas loxísticas, ofrecen maiores oportunidades de subidas de prezo para produtores europeos como Ence”, di o grupo que dirixe Ignacio de Colmenares.
Caen os ingresos e o ebitda
O presente, de momento, non é especialmente saudable. A compañía recortou as vendas de celulosa nun 4% na comparativa interanual e nun 15,4% en comparación co trimestre anterior. O prezo medio de venda foi de 495 euros netos por tonelada, un 11% inferior ao do mesmo período do ano anterior e un 5% superior ao do trimestre anterior. Como resultado, os ingresos por venda de celulosa ascenderon a 102 millóns de euros, un 15% menos que no mesmo período de 2025 e un 11% menos que no trimestre anterior. Os ingresos da área de enerxía tamén retrocederon un 22,4% na comparativa interanual.
A cifra de negocio consolidada do grupo situouse nos 154 millóns, dos que 114 millóns corresponderon ao negocio da celulosa e 40 millóns ao enerxético. Sitúanse por debaixo dos 187 millóns do mesmo período de 2025. As perdas, como xa se dixo, alcanzaron os 17,6 millóns, fronte aos beneficios de 2,4 millóns dos tres primeiros meses de 2025. O ebitda baixou aos 1,2 millóns, en comparación cos 34,5 millóns de hai un ano, afectado polo negocio da celulosa, que tivo un resultado bruto de explotación negativo de 1,4 millóns.
Celulosas especiais
Ence continúa avanzando na súa transformación como fabricante de celulosas especiais, substitutivas da fibra longa de maior custo. Esta tipoloxía de produto alcanzou no primeiro trimestre o 34% das vendas de celulosa, fronte ao 30% rexistrado en 2025. No primeiro trimestre producíronse as primeiras vendas de fluff, que continúa o seu proceso de homologación, e que permitirá reforzar o posicionamento de Ence en segmentos de maior marxe. O obxectivo é que as celulosas especiais superen o 62% das vendas da división de negocio en 2028.