As fortalezas e oportunidades da empresa galega ante a voráxine tecnolóxica, baixo a lupa de tres estudos que ERLAC e IGAPE presentan este martes na Coruña.

O encontro, que se desenvolverá en formato dinámico, está patrocinado pola Xunta e desenvolverase no Nordés Club Empresarial de 9:30 a 10:30 horas.

cartel acto ERLAC

A adaptación ao cambio tecnolóxico e a análise do posicionamento actual das empresas galegas ante o mesmo, as oportunidades de mellora a través de estratexias organizativas e certificacións e os modelos de internacionalización serán algúns dos principais focos do acto que propoñen, o próximo martes 25, a Fundación Escola de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC) e o IGAPE. Coa presentación de tres estudos específicos orientados a proporcionar ferramentas valiosas para empresas, entornos académicos e demais axentes socioeconómicos, preténdese destapar algunhas chaves para o fomento da innovación, o emprendemento e a competitividade. O encontro, que se desenvolverá en formato dinámico, está patrocinado pola Xunta e desenvolverase no Nordés Club Empresarial de 9:30 a 10:30 horas. A inscrición é libre ata completar aforo, a través deste link.

As análises que centrarán este “almorzo con visión” foron coordinadas por profesionais de diferentes ámbitos: o xerente de Persoal de ABANCA, Marcos Ramos, o economista e ex director do servizo de Estudos do Banco Pastor, Carlos Sánchez-Tembleque, e o CEO de RMCI Enxeñería, José María Rivas. Os tres son tamén docentes no centro universitario ERLAC, adscrito á Universidade da Coruña (UDC). O obxectivo común a estes traballos é contribuír a que tanto as empresas como as persoas traballadoras poidan prepararse e actuar proactivamente ante os cambios futuros, cun exame dos datos que facilite a toma de decisións estratéxicas.

Acto de ERLAC en Nordés en 2024 durante a Feira pola Empresa e o Emprego de 2024
Acto de ERLAC en Nordés en 2024 durante a Feira pola Empresa e o Emprego de 2024

Na súa exposición, Ramos guiará un percorrido sobre a aposta pola internacionalización, atendendo a fórmulas diversas que, como a internacionalización inversa, xa foron postas en marcha con éxito por compañías da comunidade galega. Pola súa banda, o informe de Sánchez-Tembleque abundará na incidencia actual e futura da aceleración tecnolóxica, cun particular acento na Intelixencia Artificial, coa perspectiva privilexiada dun entorno, o da área metropolitana coruñesa que, lembra o profesor, “é a quinta de todo o Estado en materia de TIC e dixitalización”.

No caso do terceiro estudo, José María Rivas expoñerá os resultados do seu análise multidisciplinar acerca dos aspectos organizativos e de xestión do panorama empresarial de Galicia, cunha especial atención ás vantaxes e valor engadido que proporcionan as certificacións. O responsable de RMCI Enxeñería aplicará estes datos e conclusións a compañías de calquera tamaño, tendo tamén moi en conta os retos das pemes, con peso esencial no tecido da comunidade.

O encargado de moderar o acto será o empresario e tecnólogo José Antonio Ferreira Dapía. Está previsto que o encontro, organizado por ERLAC e que conta co patrocinio da Xunta, teña unha duración aproximada dunha hora.

A Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña imparte o título oficial de Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, ademais de varios máster: en Recursos Humanos e People Analytics, Máster Práctico en Xurisdición Social e Máster en Organización de Eventos e Protocolo. Imparte, tamén, o Experto en elaboración e negociación de plans de igualdade, e o Experto Laboral en Extranxería. Tamén é centro colaborador da Oficina Económica de Galicia, dependente do IGAPE, grazas á súa permanente relación entre os ámbitos do estudo e a investigación e os axentes empresariais e económicos, que converte ERLAC nunha ponte para compartir valiosa información, perspectivas e solucións.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta