Centos de mulleres saen á rúa en Santiago para denunciar a precariedade laboral e a fenda salarial.
A CIG fixo un chamamento á mobilización para acabar coa violencia e os asasinatos machistas, o acoso laboral, os traballos minusvalorados económica e socialmente, a fenda salarial e a discriminación das mulleres.
Manifestación convocada pola CIG o 8M. Europa Press
Centos de mulleres acudiron este domingo á manifestación convocada pola CIG en Santiago na que denunciaran a “precariedade” que sofren as mulleres traballadoras, con “salarios máis baixos e peores condicións que os homes”.
Segundo apuntou a secretaria da organización, Susana Méndez, aos medios, “non é un día de celebración”, senón un “día de loita e reivindicación”. Un mensaxe que enfatizaron numerosas participantes ao longo da mañá.
“Estamos aquí para reivindicar, denunciar e esixir que dunha vez por todas se poñan en marcha medidas públicas que realmente vaian no camiño desa igualdade que vimos esixindo”, destacou.
Así mesmo, a denuncia aos ataques dos Estados Unidos a Irán e a escalada bélica estivo moi presente durante toda a manifestación, coas mulleres vítimas deles no foco. “As mulleres acaban sendo sempre as que levan a peor parte, como puidemos ver nese ataque no que morreron nenas en Irán”, lamentou.
A pesar de que a marcha estaba orientada á participación de mulleres, asistiron algúns homes, portando pancartas e bandeiras, mentres que outros, nos laterais, observaban a manifestación.
Nunha xornada marcada polo sol, as manifestantes berraron consignas como ‘Non somos escravas, somos traballadoras’ e ‘Nin guerra que nos mate nin que nos oprima’ mentres subían pola rúa do Hórreo, fronte ao Parlamento de Galicia, ata chegar ao Casco Histórico, con destino final na Praza das Praterías, onde se realizou a lectura dun manifesto.
Tal e como recolle o texto, a CIG chama á mobilización para acabar coa violencia e os asasinatos machistas; o acoso laboral; os traballos minusvalorados económica e socialmente; a fenda salarial e a discriminación das mulleres. Neste senso, subliñaron que cunha acción combativa nos lugares de traballo, nas urnas, na negociación colectiva, nos fogares e nas rúas “se poderá avanzar”.
Finalmente, lembraron á homenaxeada das Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño, por “ser un exemplo a seguir para todas”, e comprometeronse a loitar contra as discriminacións incorporando a perspectiva de xénero. “Vémonos esta tarde nas mobilizacións, e mañá, e o resto dos días que tamén son 8 de marzo”, concluíron.
Outras manifestacións
Aínda que a maioría de mobilizacións se celebrarán pola tarde, outras cidades, como Vigo e Lugo, acolleron manifestacións durante esta mañá. No caso da cidade olívica, a protesta saíu ás 12.00 horas da Praza de España encabezada polo Bloque Abolicionista Galicia, con proclamas como “o meu corpo non se compra, o meu corpo non se aluga” e outras que pedían a abolición da prostitución.
Nela participaron representantes políticos, como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez.