Santiago Lago, sobre Galicia: «En benestar estamos na media europea, pero non en innovación e competitividade»
O director do Foro Económico de Galicia presenta o libro ‘Galicia ante o espello. Mitos, realidades e retos económicos’ no que se recollen os traballos elaborados entre 2021 e 2025 para o Informe Ardán da Zona Franca de Vigo.
Acto de presentación do libro ‘Galicia ante o espello. Mitos, realidades e retos económicos’
O director do Foro Económico de Galicia e de Ideagov, Santiago Lago Peña, destaca que a produtividade da comunidade xa iguala á media española, algo “impensable hai vinte anos” e que en benestar e calidade de vida “estamos na media europea, pero non en innovación e competitividade”, onde segue “no terzo baixo”. “Ese fenda hai que pechala”
Así o apuntou este mércores na presentación do libro ‘Galicia ante o espello. Mitos, realidades e retos económicos’ do que é autor e no que se recollen os traballos elaborados entre 2021 e 2025 para o Informe Ardán da Zona Franca de Vigo.
Lago Peña, sinalou que a comunidade necesita “máis I+D, empresas máis grandes e mellor uso da dixitalización para resolver as carencias estruturais e manter o avance das últimas décadas”.
Na presentación do libro, o director do Foro lembrou que a pandemia “golpeounos menos que ao resto de España” e que o éxito da comunidade “ten nome propio: as empresas que compiten no mundo sen marcharse de aquí”.
Doutra banda, tamén fixo mención á “anomalía positiva” de Galicia por ser a única comunidade que desde o ano 200 crece igual que a media española en renda a pesar de perder peso poboacional.
Coñecemento do tecido empresarial galego
Santiago Lago estivo acompañado no acto por David Regades, delegado da Zona Franca e autor do prólogo do libro; Susana Lama, responsable de Ardán na Zona Franca; e Daniel Hermosilla, CEO do grupo Rodiñas.
Regades puxo en valor “a importancia de coñecer ben o contexto económico con libros como o de Santiago Lago para anticiparnos ao seu impacto na sociedade”. Susana Lama destacou a contribución de Santiago Lago para que Ardán sexa un referente no coñecemento do tecido empresarial galego”. Pola súa parte, Daniel Hermosilla, subliñou que “Galicia necesita un novo relato económico que non temos que inventar; xa temos moito valor engadido e emprego, apostando por ter unha maior confianza nas nosas posibilidades”.