A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal impulsa un val transfronteirizo de hidróxeno verde
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, sinala que o hidróxeno ten que dar resposta a tres desafíos críticos: a descarbonización da industria pesada, a independencia enerxética e a creación de emprego de alta cualificación.
Foto de familia da presentación do proxecto para crear un val de hidróxeno transfronteirizo do CTAG
O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) presentou este mércores o proxecto que lidera para a creación dun val de hidróxeno na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cofinanciado por Interreg España-Portugal (POCTEP) e no que colabora a Xunta. O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou este mércores o potencial da Eurorrexión para consolidar un ecosistema transfronteirizo de produción e distribución de hidróxeno verde.
Segundo apuntou, Galicia e Portugal comparten unha vantaxe competitiva natural: unha abundancia de recursos eólicos e hídricos que son a base para xerar hidróxeno limpo. “Podemos e debemos combinar o potencial das nosas enerxías renovables, as nosas infraestruturas portuarias e a nosa capacidade industrial”, manifestou.
O director xeral apuntou que o hidróxeno ten que dar resposta a tres desafíos críticos: a descarbonización da industria pesada, a independencia enerxética e a creación de emprego de alta cualificación. “Sectores estratéxicos para ambos dous territorios como a automoción, o naval e a siderurxia, poden atopar no hidróxeno a chave para seguir sendo competitivos nun mundo que xa non tolera as emisións de carbono”.