Os premios PEL da Deputación da Coruña alcanzan un novo récord con 145 candidaturas
Un total de 28 novas empresas optan ao galardón á mellor iniciativa emprendedora; 38 candidaturas aspiran ao recoñecemento á mellor traxectoria empresarial; 26 proxectos preséntanse á nova categoría de territorio sostible; e 40 iniciativas concorren ao premio destinado a recoñecer as propostas empresariais máis singulares.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Deputación da Coruña
Novo récord de participación nos premios PEL da Deputación da Coruña. A oitava edición rexistrou un total de 145 candidaturas presentadas. O prazo de presentación finalizou este martes cunha cifra que “confirma a consolidación destes premios como un referente no recoñecemento ao talento emprendedor, a capacidade innovadora e a contribución ás pequenas e medianas empresas, microempresas e profesionais autónomos e ao desenvolvemento económico e social da provincia”, sinalan desde o ente provincial.
Esta edición a Deputación “reforza o seu apoio ao tecido empresarial máis próximo á cidadanía” cunha dotación de 80.000 euros que serán destinados a recoñecer aqueles proxectos que destacan pola súa traxectoria, a súa aposta pola sustentabilidade, a súa implantación no territorio e o seu carácter singular.
Un total de 28 novas empresas optan ao galardón á mellor iniciativa emprendedora; 38 candidaturas aspiran ao recoñecemento á mellor traxectoria empresarial; 26 proxectos preséntanse á nova categoría de territorio sostible; e 40 iniciativas concorren ao premio destinado a recoñecer as propostas empresariais máis singulares.
A todos eles habería que sumar as 13 candidaturas da categoría honorífica, que non leva asociada dotación económica, que este ano estará dedicada ás iniciativas transformadoras do rural.
Segundo explican desde a Deputación, cada unha das catro categorías principais contará, con carácter xeral, cun premio de 20.000 euros. “As bases contemplan tamén a posibilidade de conceder accésits cando a diferenza de puntuación entre as dúas mellores candidaturas sexa mínima. Nese caso, o primeiro premio pasaría a estar dotado con 15.000 euros e o accésit con 5.000”.
Gala de entrega dos premios PEL
Tras pechar o prazo de presentación de candidaturas, o xurado avaliará estas semanas os proxectos e seleccionará aos gañadores. A gala de entrega dos premios celebrarase o próximo mércores 19 de xuño no Coruña Estudo Inmersivo (CEI) situados na Cidade das Tic da Coruña. O acto terá lugar en horario de tarde e reunirá a representantes do tecido empresarial, social e institucional da provincia.
A través dos premios PIEL, a Deputación da Coruña continúa impulsando o recoñecemento público das empresas coruñesas como motores de riqueza, innovación, benestar e creación de emprego de calidade no territorio.