Greenpeace pide á Xunta transparencia sobre o eucalipto e reclama os datos do Inventario Forestal Continuo.
O grupo ecoloxista afirma que os datos xa foron presentados "moito antes do verán" á Consellería de Medio Rural e cuestionanse se o Executivo autonómico está intentando "ocultar o seu fracaso", especialmente no relativo ao incremento de superficie ocupada polo eucalipto.

Imagen de archivo de un bosque de eucaliptos
Greenpeace esixe á Xunta transparencia e que publique os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia de 2024, denunciando o “sospeitoso silencio administrativo” do Executivo autonómico. Segundo destacan desde o grupo ecoloxista, os datos xa foron presentados “moito antes do verán” á Consellería de Medio Rural por parte da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.
“A información que inexplicablemente agocha o Goberno galego ten que ser pública, pagámola a cidadanía. Máis que unha falta de transparencia, que o é, parece un exercicio de despotismo de libro. Preguntámonos se o que están intentando é ocultar o seu fracaso, especialmente no relativo ao incremento de superficie ocupada polo eucalipto, a pesar de existir unha moratoria ás novas plantacións decretada en 2021. Vemos unha enorme falta de interese da Consellería de Medio Rural en facer cumprir a lei”, declarou o voceiro de Greenpeace en Galicia, Manoel Santos.
Apuntan tamén que, a pesar da actual moratoria en vigor, que expira o próximo 31 de decembro de 2025, “o incremento da superficie ocupada polo eucalipto seguiu unha tendencia ascendente”.
Moratoria do eucalipto
No pasado mes de abril, lembran, organizacións sectoriais da madeira, organizacións ecoloxistas, propietarios forestais e fundacións diversas asinaron unha declaración conxunta a favor da ampliación da moratoria do eucalipto nesta Comunidade Autónoma, polo menos, ata 2030.
Tras esta declaración, en xuño, ata 26 organizacións ecoloxistas de ámbito estatal e de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi subscribiron unha declaración conxunta na que demandan a ampliación das actuais moratorias ás novas plantacións de eucalipto en Galicia e Bizkaia ata, polo menos, o ano 2030. Tamén reclaman a implantación desta medida en todo o norte peninsular: en Asturias, Álava, Cantabria e Gipuzkoa.
Recentemente, a Asociación Profesional de Enxeñería Forestal da Xunta de Galicia (Apenfoga), que agrupa aos Enxeñeiros Forestais da Xunta de Galicia, reclamaron ao Goberno galego a ampliación de maneira indefinida da actual moratoria ás novas plantacións de eucalipto, ao tempo que lembraron que non se estableceron “os criterios técnicos e as normas para regular o uso da especie” durante o tempo que a moratoria estivo vixente.
En todos os casos existe un consenso ante a necesidade de que a ampliación da moratoria vaia acompañada de recursos para evitar as plantacións ilegais e, polo tanto, que sexa efectiva e verificable.
“Para Greenpeace, non só é necesaria a ampliación da moratoria e frear o proceso de eucaliptización, senón que a Xunta debería renunciar a seguir impulsando actuacións como a do proxecto GAMA da papelera portuguesa Altri, que incrementaría nun futuro próximo a demanda de madeira de eucalipto en todo o norte e noroeste peninsular”, declarou Santos.