José González Vázquez en O Encontro de Sober: “Galicia pode ser un modelo de emprendemento ligado ao territorio”

O conselleiro de Emprego anuncia que o Executivo autonómico lanzará a próxima semana unha nova liña de axudas para a rehabilitación de vivendas unifamiliares no rural arrendadas a empresas da zona.

Foto de familia de O Encontro de Sober 2026

Foto de familia do Encontro de Sober 2026

José González Vázquez, conselleiro de Emprego Comercio e Emigración, reivindicou que Galicia “pode ser un modelo de emprendemento ligado ao territorio e que aproveite os recursos do territorio” non só no ámbito agrogandeiro, senón tamén a nivel industrial, turístico e gastronómico. 

Así o apuntou durante a súa intervención na segunda xornada de O Encontro de Sober na que detallou as ferramentas que o Executivo autonómico desprega para potenciar o emprendemento no rural como a Rede Ultreia; os 15 Polos de Emprendemento repartidos por toda a comunidade, que definiu como “antenas de oportunidades que detectan talento, innovación, necesidades e sectores con potencial”; e a Estratexia Retorna, coa que a Xunta trouxo o pasado ano a 400 persoas descendentes da emigración galega con compromiso de contratación por parte de empresas do territorio.

O conselleiro tamén anunciou que a Xunta publicará a próxima semana unha nova liña de axudas para a rehabilitación de vivendas unifamiliares no rural arrendadas a empresas da zona, medida que será compatible con calquera outra subvención que conecte directamente vivenda, emprego e fixación de poboación. 

“Rehabilitamos no rural, cubrimos as necesidades de man de obra, fidelizamos aos traballadores e damos un rendemento económico a moita xente no rural”, apuntou González Vázquez.

Entender que rural e industria son dúas partes da mesma realidade, situar ás persoas no centro da estratexia, vertebrar a sustentabilidade ao longo de toda a cadea de valor e tecer alianzas para que a actividade económica arraigue no territorio son algunhas das grandes conclusións de O Encontro Sober 2026: Diálogos Rural e Industria, que pechou a súa última xornada no Áurea Palacio de Sober. 

Unha maratón de “crecemento continuo”

O presidente do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) e impulsor do evento, Venancio Salcines, pechou a edición cun discurso co que apelou á autoestima colectiva e á unidade. Salcines definiu O Encontro como “un proceso de construción de sociedade civil galega” e reclamou que Galicia recoñeza o seu propio percorrido. “Fixemos unha maratón de crecemento continuo. Hoxe a nosa renda supera a de moitas comunidades ás que historicamente acompañabamos á cola. Fixémolo en solitario e acomplexados, pero a miña xeración e a dos meus fillos xa non ten complexos”. 

O acto tamén contou coa intervención do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen enmarcou o rural como cuestión de dereitos. Tamén afirmou que “un rural vivo necesita escolas, médicos, conexión” e cifrou en máis de 400 millóns a mobilización de fondos do Executivo central traducidos en industria, vivenda e apoio aos concellos. Blanco vinculou a industria ligada ao territorio coa cohesión e subliñou que “o rural e a industria son dúas caras da mesma moeda”. 

Na mesma idea incidiu a deputada provincial e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, que afirmou que “o rural e a industria forman parte dunha mesma realidade” e reclamou que unha maior parte do valor engadido permaneza no territorio. Pola súa parte, a deputada do Parlamento de Galicia Raquel Arias reivindicou que “O Encontro fai posible algo que reivindicamos: falar do rural desde o rural” e pediu que non se vexa o campo como “un parque temático”.

Mesas de debate

A sesión da mañá arrancou coa mesa “Estratexias para a optimización na xestión de riscos do sector agroalimentario”, moderada pola responsable de Proxectos, Comunicación e Protocolo de APE Galicia, Silvia Crespo, na que participaron o CEO de Café Candelas, Ramón Alonso; a xerente de Marrón Glacé, Rocío Cid; e o director Corporate Madrid de Sabseg Group, Manuel Abascal, nun diálogo de marcado enfoque práctico.

A continuación, o director de Trade Marketing e RRPP de Hijos de Rivera, Manel Piñón, presentou o programa Cervexas Circulares, que implanta a sustentabilidade en toda a cadea de valor do sector Horeca cunha metodoloxía estruturada en sete eixes e un sistema de distintivos progresivos. 

Outra das mesas foi a de “Estratexia de negocio e persoas”, moderada polo presidente da Confederación Empresarial de Ourense, David Martínez Alonso, que reuniu ao director comercial de Grupo Levita Elevadores, Daniel Sánchez; ao director xeral de Estractica, José André Alonso; á directora de RRHH de EFBS Grupo Educativo, Goretti Diéguez; e ao socio e director comercial de Dest People, Carlos Pérez.

No panel “Construíndo futuro: Vivenda, infraestruturas e servizos clave para o rural galego”, moderado polo CEO de Medrar Smart Solutions, Hugo Criado, dialogaron o fundador e CEO de Dest People, Diego Incio; o director xeral de Cobre San Rafael, Fernando Riopa; e o eurodeputado Adrián Vázquez.

A última das mesas foi a “Das rías ao mundo: A internacionalización dos sectores pesqueiro e conservero”, moderada pola presidenta da Comisión Mar-Industria da CEG, Isabel Cañas, coa directora xeral de Conservas Pescamar, Lupe Murillo; o secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA, Roberto Alonso; e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación da Xunta de Galicia, Isaac Rosón

“O Encontro Sober ampliou así a súa mirada máis alá do rural do interior para dar voz aos retos dos núcleos rurais da costa, abordando a competitividade exterior do sector en claves como a sustentabilidade e a trazabilidade, o entorno regulatorio e os acordos internacionais, e o valor da identidade de orixe galega nos mercados globais”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp