Lavacolla lévase máis da metade dos 200 millóns que Aena investirá en Galicia entre 2027 e 2031
A inversión no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro ascende a 108 millóns, máis do dobre dos 41,5 dos cinco anos anteriores, fronte aos 50 millóns de Alvedro e os 48,4 de Peinador.
Vista interior do aeroporto de Lavacolla – Arquivo
O Consello de Administración de Aena deu luz verde á proposta do Documento de Regulación Aeroportuaria (DORA) para o período 2027-2031 que prevé unha inversión en Galicia de 200 millóns, dos cales máis da metade irán para a terminal de Lavacolla.
En concreto, no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, a inversión total prevista para o quinquenio é de 107,9 millóns de euros, máis do dobre dos 41,5 millóns dos cinco anos anteriores. Entre outras, levaranse a cabo actuacións de mellora de procesos e calidade na área terminal (adecuación sistema PCI, reforma de viarios e urbanización, elementos electromecánicos, cubertas e climatización de prepasarelas, renovación de aseos e solados).
Tamén acometeranse traballos en campo de voo e plataforma (renovación 400Hz e AC, instalación de pasarela, adecuación plataforma P3 e P4, separadores de hidrocarburo, sistema de distribución de auga potable); mellora da seguridade (valado perimetral, renovación de corredores antirreto); incremento da seguridade operacional (rexeneración de pista, pavimentos de rodadura); sistemas de información e comunicacións (elementos de campo); renovación e mellora de sistemas eléctricos (sistema SAI, melloras en central eléctrica); simulador de lume e ampliación de aparcadoiros.
Para estas inversións Aena propuxo un incremento medio anual da tarifa que, no caso do Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro será de 35 céntimos, que quedarían en 25 céntimos no caso de aplicarse os incentivos.
Inversión en A Coruña
No caso de Alvedro, a inversión entre 2027 e 2031 é de 50 millóns de euros, máis do dobre dos 21,9 millóns do lustro anterior. Nesta terminal están previstas: actuacións para mellorar a operativa dos voos Non Schengen; novo edificio SEI e cocheras; así como actuacións en campo de voo e plataforma (urbanización zona aviación xeral, aumento da anchura da franxa, mellora en axudas visuais).
Aena propuxo un incremento medio de 25 céntimos en A Coruña, que quedarían en 10 céntimos no caso de aplicarse os incentivos.
Orzamento para Vigo
No caso de Peinador, a inversión proposta por Aena para o próximo lustro no aeroporto de Vigo é de 49,4 millóns de euros, case idéntica aos 49 millóns do lustro anterior no que se executou a rexeneración profunda de pista.
En Vigo levaranse a cabo actuacións de mellora de procesos e calidade na área terminal (renovación de pasarelas de embarque, caldeiras e climatización, reforma da zona de autobuses, sinalética, depósitos de auga potable e contraincendios, renovación SAI); actuacións en campo de voo e plataforma (melloras en vial ao aire, accesos aviación xeral, renovación 400Hz); mellora da seguridade (valado perimetral e equipamento de seguridade); incremento da seguridade operacional (ampliación da franxa); melloras no aparcadoiro; sistemas de información e comunicacións (elementos de campo); así como simulador SEI.
Neste caso, Aena propón un aumento de 25 céntimos, igual que no caso de Alvedro, que quedarían en 10 céntimos no caso de aplicarse os incentivos.
Case 13.000 millóns de investimento
A proposta do Documento de Regulación Aeroportuaria (DORA) para o período 2027-2031, contempla unha inversión prevista de preto de 13.000 millóns en toda España. Os dous principais aeroportos do país acaparan máis do 62% da inversión regulada: Adolfo Suárez Madrid-Barajas recibirá 4.477,4 millóns de euros e Josep Tarradellas Barcelona-El Prat, 1.765,2 millóns, sumando entre ambos 6.242,6 millóns.
O obxectivo principal deste novo plan é dotar á rede aeroportuaria española da capacidade necesaria para absorber o crecemento do tráfico aéreo previsto nas próximas décadas, tras unha década de investimentos limitados e ante a saturación que xa experimentan varios aeroportos clave tras a forte recuperación postpandemia.