Luzes e sombras do emprego en Galicia: ‘pincha’ en actividade e ocupación pero mellora na temporalidade
A taxa de paro en Galicia, segundo datos do Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia, continúa a tendencia descendente ata situarse en 2025 no 8,4%, o que supón o valor máis reducido desde 2007, cando se alcanzou o 7,6%.
Mellores e peores comunidades nas taxas de actividade, ocupación, paro e temporalidade en 2025. Fonte: Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia
Cara e cruz no mercado laboral galego. A comunidade consolida a mellora nos seus principais indicadores de calidade do emprego, cunha caída do paro ata mínimos desde 2007 e un descenso notable da temporalidade. Con todo, estes avances conviven con outras debilidades, como unha baixa taxa de actividade e de ocupación, nas que se sitúa entre os peores territorios a nivel estatal.
Así se desprende do Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia, presentado este martes en Santiago e elaborado por José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago Peñas con Fernando González Laxe como coordinador no que se analizan os indicadores básicos do mercado laboral – as taxas de actividade, ocupación, de temporalidade e de paro– e a súa comparación co resto de comunidades.
“Como primeiro aspecto positivo do comportamento do mercado de traballo en Galicia convén mencionar o incremento das taxas de actividade e ocupación e o descenso das taxas de desemprego e temporalidade”, sinala o informe.
A taxa de actividade é o indicador que mide a relación entre a poboación activa e o total da poboación en idade de traballar que se calcula dividindo a poboación activa, é dicir, todas as persoas que están ocupadas ou desempregadas que buscan traballo, entre o total da poboación en idade de traballar (a partir de 16 anos).
A pesar de que en 2025 esta taxa incrementouse tres décimas ata o 53,5%, Galicia mantense como a segunda comunidade co dato máis reducido, só superada por Asturias (52,7%). No conxunto estatal este indicador incrementouse o pasado exercicio dúas décimas, ata o 59%.
“A participación da muller na actividade é notablemente inferior á dos homes, con taxas do 50,7% e do 56,6%, respectivamente, o que supón un diferencial de 5,9 puntos porcentuais (7,9 puntos o ano anterior). No conxunto do Estado, o diferencial mantense por riba do existente en Galicia, situándose en nove puntos e medio, aumentando a taxa de actividade feminina ata o 54,4% e a masculina ata o 63,8%”.
Na comparativa por xéneros co resto de comunidades, Galicia sitúase como a comunidade coa taxa máis reducida no caso dos homes e a cuarta para as mulleres, despois de Asturias, Castela e León e Extremadura.
Taxas de ocupación e de paro
O segundo dos indicadores analizados é a taxa de ocupación que mide a relación entre o total de ocupados – persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia tiveron un emprego por conta allea, asalariado, ou exerceran unha actividade por conta propia, traballadores por conta propia– e a poboación en idade de traballar.
A taxa de ocupación na comunidade durante 2025, explica o informe, situouse no 49,1%, “reducíndose o diferencial con respecto á media estatal que se sitúa 3,7 puntos fronte aos 3,9 do ano anterior”. Con este dato, Galicia figura como a cuarta comunidade con menor taxa de emprego, por diante de Extremadura (47,1%), Asturias (48%) e Andalucía (48,4%).
No desglose por xéneros, ao igual que ocorre coa taxa de actividade, a participación das mulleres é significativamente inferior. En concreto, o dato ascende ao 46,3% fronte ao 52,1% dos homes, o que supón un diferencial de 5,8 puntos, por baixo dos 10 puntos do conxunto do Estado, onde a taxa de emprego alcanzou o 47,9% e 57,9%, respectivamente.
Por outra banda, a taxa de paro – o cociente entre o número de persoas paradas e o total da poboación activa– continúa a tendencia descendente ata situarse no 8,4%, o que supón o valor máis reducido desde 2007 cando se alcanzou o 7,6%. “Tras esta evolución, Galicia sitúase como a sétima comunidade autónoma coa taxa máis reducida” aínda que lonxe doutros territorios como Euskadi e Cantabria, con un 7,3%. No conxunto estatal esta cifra ascende ao 10,5%.
Por xéneros, tanto para homes como para mulleres a comunidade galega presenta unha taxa de paro inferior á media española (8,8% e 10%) tras descender ata o 8% e o 8,7%, respectivamente. “Entre os homes, Aragón e Navarra presentan unha taxa de desemprego inferior ao 6,5%, mentres que o País Vasco rexistra a taxa máis baixa entre as mulleres (7,5%)”.
Menor temporalidade
“A creación de emprego estimada pola EPA tanto en Galicia como en España prodúcese en empregos a tempo completo e parcial, sendo máis intensa no conxunto do Estado en ambos os casos. Ademais, todo o emprego creado é permanente, rexistrándose un crecemento do 5,1% respecto ao ano anterior (40.300 persoas máis empregadas)”.
No caso de Galicia, a poboación ocupada a xornada completa incrementouse o pasado exercicio nun 2,2%, tres décimas por baixo do estimado para o conxunto estatal. Sinala o informe do Foro Económico que este incremento prodúcese “tan só entre as mulleres (5%)” mentres se mantén estable entre os homes”.
O emprego a xornada parcial incrementouse un 2,9% en Galicia, tamén por baixo da media española (3,6%), sendo este aumento do 3,3% no caso dos homes e do 2,7% no das mulleres. “En Galicia, o número de persoas asalariadas con contrato indefinido aumenta en 40.300 persoas, un 5,1% respecto ao ano anterior, o que supón case dous puntos máis que no conxunto de España (3,4%)”.
A taxa de temporalidade mide a relación entre o número de asalariados con contrato temporal e o número total de asalariados. O volume de persoas con este tipo de contrato reduciuse no último ano un 11%, “sendo este descenso máis acusado que no conxunto do Estado (-1,1%)”. A caída nos contratos temporais prodúcese en Galicia tanto en ambos xéneros, se ben é máis acusada entre os homes, onde caeu un 13,7% fronte ao 9,1% das mulleres.
Con todo iso, sinala o informe que a taxa de temporalidade na comunidade descendiu ata do 15,9% ao 13,8%, un punto e medio por baixo do conxunto do Estado (15,3%). Este porcentaxe sitúa a Galicia como o terceiro territorio coa taxa máis reducida, só superada por Madrid (11,4%) e Cataluña (11,7%).