Nadia Calviño: “As empresas que tratan igual a mulleres e homes teñen máis beneficios”
A presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI) destaca a importancia dos valores europeos que permiten “enfrentarnos aos retos que temos a nivel internacional”.
Inés Rey, Nadia Calviño e Ángeles Ríos
A presidenta do Banco Europeo de Investimentos, Nadia Calviño, defendeu o papel da muller sinalando que “non se pode desperdiciar o talento da metade da poboación” e que “as empresas que tratan igual a mulleres e homes funcionan mellor e teñen máis beneficios”.
Así o apuntou este xoves no Nordés Club Empresarial durante a presentación do seu libro ‘Dous mil días no Goberno’ nun novo Almorzo con Impacto, un encontro exclusivo para persoas socias do club que pon en valor a traxectoria e a visión de persoas que forman parte do seu ecosistema.
Durante a súa intervención, a exvicepresidenta do Goberno e ex ministra de Economía destacou a importancia dos valores europeos e que “podemos enfrontarnos aos retos que temos a nivel internacional”, explicando que a pesar do ruído e da campaña en contra de Europa “a maioría das persoas e das empresas teñen esperanza e invisten no futuro”.

O legado de Nadia Calviño no Goberno
Tamén quixo facer fincapé en dúas das súas facetas durante a súa presenza no Goberno de España que, nas súas palabras, non se coñecen tanto: en primeiro lugar, a dimensión dixital, “ademais de poñer en marcha AESIA, unha gran parte do meu traballo foi o impulso da dixitalización e do ámbito audiovisual”; e en segundo lugar, o xeopolítico como presidenta do Fondo Monetario Internacional.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañou á presidenta do Banco Europeo de Investimentos e lle deu a benvida. “Desde esta cidade que tamén é a súa, Nadia proxectou unha forma de facer política rigorosa, serena e profundamente comprometida co interese xeral. Foi protagonista na toma de decisións clave que marcaron a resposta á pandemia, a recuperación económica e o posicionamento de España en Europa. E fíxoo abrindo camiño. Porque o seu nomeamento como presidenta do Banco Europeo de Investimentos non só recoñece unha traxectoria de enorme solvencia, senón que a converte na primeira muller en ocupar esta responsabilidade, marcando un fito que transcende o institucional para converterse tamén nun símbolo. Para A Coruña, ter hoxe aquí a Nadia non é só un motivo de orgullo, senón tamén unha oportunidade para escoitar, comprender e achegarnos á dimensión máis humana dunha traxectoria política excepcional”.
Na parte final do encontro, as persoas asistentes puideron intervir sendo a política de Trump, o potencial de Europa en canto á intelixencia artificial, a xestión do talento e a liderado feminino, algunhas das temáticas que se abordaron durante a rolda de preguntas á presidenta do Banco Europeo de Investimentos.
A presidenta de Nordés Club Empresarial, Ángeles Ríos Martínez, que abriu e clausurou o evento, dirixiu unhas palabras de agradecemento e admiración a Nadia Calviño, ademais de destacar, como peche da súa intervención, que “neste cambio de era, as empresas que caerán serán as que non coiden das persoas”. Tamén reforzou a importancia do liderado feminino, afirmando que ten un compoñente “moi humanista co que podemos transformar as organizacións”.