O renacer do ladrillo en Galicia: a construción lidera o crecemento do PIB, aínda que lonxe das cifras da burbulla
O valor engadido bruto do sector, segundo o último Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia, situouse no 7,4%, tres décimas menos que o ano anterior pero lonxe do 12,3% rexistrado en 2008.
Evolución da estrutura produtiva de Galicia. Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia
O dinamismo do sector da construción foi un dos factores que impulsou en 2025 o crecemento do 2,6% da economía galega. O valor engadido bruto do sector -a súa achega ao PIB- situouse no 7,4%, tres décimas máis que o ano anterior, segundo explica o último Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia. A pesar deste bo rendemento, a súa achega está por debaixo da estimada para 2019, exercicio anterior ao estalido da pandemia onde se alcanzou o 7,8%, e moi lonxe do estimado en 2008, ano do estourido da burbulla inmobiliaria, cando o crecemento chegou ata o 12,3%.
Segundo explica o estudo, elaborado por José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago Peñas con Fernando González Laxe, o subsector do comercio, transporte e economía concentrou en 2025 o 21,9% do valor engadido bruto galego, unha décima por debaixo do estimado no ano anterior.
Por outra banda, a importancia da administración pública, sanidade e educación descende ata o 18,5%, o que supón un nivel lixeiramente inferior ao estimado antes da crise orixinada pola pandemia (18,9%). En canto á industria manufacturadeira, mantívose lixeiramente por riba do 13%, “cando no mesmo período de 2008 representaba o 13,9%”.
Datos do cuarto trimestre do 2025
Tal e como detalla o informe, durante o cuarto trimestre do pasado exercicio “a taxa de crecemento do valor engadido bruto xerado no sector da construción creceu un 7,3% fronte ao 5,6% en España”. Esta evolución estivo marcada polo avance do sector da construción “que presenta unha taxa de variación interanual superior ao 9%, o porcentaxe máis alto desde o 2022”.

“Cabe destacar que por cuarto trimestre consecutivo todas as ramas de actividade presentan un crecemento respecto ao ano anterior”, sinala o estudo. En concreto, a construción aumentou un 9,3%, dous puntos por riba do estimado para a economía española. Especial comportamento tamén se rexistrou no sector primario, cun aumento do 1,2%, “ao contrario do que ocorre en España onde a actividade do sector contráese un 1,3%”.
Datos estatais
No conxunto estatal o maior dinamismo da economía, onde o PIB aumentou o pasado exercicio un 2,8%, explícase polo mellor comportamento do sector servizos, que presenta un aumento interanual do 2,5%. Tamén contribuíu, aínda que en menor medida, a actividade manufacturadeira que crece en España un 2%, unha cifra que contrasta co 0,8% de Galicia, que rexistrou a taxa de crecemento máis reducida desde a crise sanitaria provocada polo Covid.
“Entre as distintas actividades do sector servizos, o maior diferencial de crecemento rexístrase no sector do comercio, transporte e hostalaría, que presenta no último trimestre un crecemento interanual do 5,1% fronte ao 1% de Galicia”.
Tendo en consideración os datos de todo o exercicio, en 2025 o impulsor do crecemento da economía española tamén foi o sector servizos cun aumento do 3,2%, por riba do 2,7% de Galicia. “Este diferencial de crecemento é especialmente significativo no caso do comercio, transporte e hostalaría que na economía galega medraron un 2,1%, lonxe do 4,5% estimado para a economía española”.
Situación diferente experimentou o sector primario e a industria manufacturadeira que, ao igual que a construción, rexistran taxas de crecemento superiores á media estatal. Así, mentres o sector primario aumentou un 1,3% respecto ao ano anterior (0,5% no caso de España), a actividade manufacturadeira creceu un 3,2%, máis dun punto da rexistrada no conxunto estatal.