R eleva a súa aposta polo 5G para cubrir a dous de cada tres concellos galegos o ano que vén.

A operadora galega, propiedade do grupo MasOrange, xa desprega a súa cobertura móbil 5G en máis de 80 concellos galegos e prevé facer o propio noutros 170 antes de que finalice o ano 2026.

R e MasOrange estenden a rede 5G por Galicia. A operadora galega xa levou a súa cobertura móbil 5G a máis de 80 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes no marco do programa UNICO 5G-Redes Activas do que MasOrange resultou principal adxudicataria en Galicia.

Así o anunciou a compañía a través dun comunicado no que engade que “en breve completaranse os traballos en máis de medio centenar de concellos”. Deste xeito, a empresa prevé que preto de 250 dos 313 concellos galegos dispoñan desta tecnoloxía ao longo do vindeiro ano.

“Trátase do 80% dos concellos da comunidade onde se concentra só o 20% da poboación de Galicia, o que dá unha idea da súa dispersión e do que supón chegar ata o último recuncho de Galicia con esta tecnoloxía de última xeración”, destaca a entidade.

Neste sentido, a galega R pon en valor o feito de que xa dispoñan de cobertura 5G concellos como Negueira de Muñiz, o máis pequeno da comunidade ao contar con 215 habitantes ou o de Larouco, con pouco máis de 430.

O programa de axudas UNICO 5G Redes Activas, financiado polo Fondo de Recuperación da Unión Europea contempla traballos en Galicia en arredor de 1.000 estacións móbiles, das cales un centenar serán de nova construción. Ata o momento xa se avanzou en máis de 630 emprazamentos no marco deste programa no que MasOrange se erixiu como a principal adxudicataria cun total de 70 millóns de euros de investimento ata finais de 2026.

Destas cantidades, un total de 22,7 millóns correspóndense á provincia de A Coruña, fronte aos 20,5 millóns de Lugo, os 17,6 millóns de Ourense e os 9,6 millóns de Pontevedra. O obxectivo, segundo R, é “contribuír ao desenvolvemento do rural galego e situar á comunidade á vangarda en redes móbiles de última xeración”.

O compromiso de R co rural

Desde a operadora galega aseguran ser a primeira empresa do sector que dota de solucións 5G converxente fixo e móbil a clientes sen fibra en Galicia. Ademais, R é o primeiro operador que dota a clientes/as sen fibra en Galicia dunha solución 5G. “Deste xeito, 296 concellos galegos (A Coruña, 88; Lugo, 65; Ourense 83; Pontevedra, 60) xa gozan do servizo Internet rural, solución de banda ancha a través de 5G (co mambo Axiña) para ofrecer alta velocidade e wifi 6 ás poboacións de aldeas e lugares onde non é posible levar a fibra óptica”.

É por iso que uns 300.000 inmobles pasarán a dispor de velocidades de ata 1 Gbps en canto se completen os traballos, o que permitirá reducir a fenda dixital no medio rural.

R investiu xa máis de 2.300 millóns de euros desde a súa creación e a súa rede de fibra chega a máis de 1,7 millóns de fogares nos 313 concellos galegos. “O rural galego, polo tanto, xa non é espectador senón protagonista da revolución dixital. Grazas ao 5G de R e ao legado de pilotos pioneiros do grupo MasOrange con esta tecnoloxía avanzada, aldeas e pequenas localidades están liderando xa a transformación tecnolóxica da comunidade galega”, destaca a firma.

Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia, asegurou na súa intervención no foro de referencia Galicia TIC que “falar de 5G UNICO Rural é falar de igualdade de oportunidades, a base para que calquera persoa en Galicia poida formarse, traballar e emprender desde o rural en condicións similares ás cidades”. “Para os nosos equipos o activismo rural é traballar para que vivir e emprender neste entorno non sexa unha desvantaxe. É poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas, do campo, da industria agroalimentaria e da sostibilidade. E tamén facilitar que o talento quede ou volva e que o rural estea en igualdade de condicións para competir, crecer e liderar. Desde R e desde MásOrange seguiremos apostando por un rural conectado, innovador e con futuro”, reivindicou o directivo.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta