Sanxenxo radiografía o verán galego: estancias máis curtas “e un turista máis comedido no gasto”
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo indica que pecharon xullo cunha ocupación en liña cos anos anteriores, cunha media de máis do 73% en hoteis, pensións, apartamentos e cámpings.

Imagen de la localidad turística de Sanxenxo. Foto de archivo: EFE
Comeza agosto e Sanxenxo, un dos destinos turísticos por excelencia de Galicia, fai balance do mes pasado. O comportamento en xullo foi similar ao de anos anteriores en canto a ocupación e pernoitas en hoteis, pensións, apartamentos turísticos e campings, cunha media de ocupación do 73,27%, fronte ao 72,77% que se rexistrara en 2024. Iso si, as estancias foron máis curtas e os visitantes tiveron máis en conta o seu peto.
Así o indican desde o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, que destaca o aumento da ocupación en camping, que aumentou respecto a 2024 un 6%, ata situarse no 75%. “Tamén aumentou a ocupación dos hoteis de catro estrelas preto dun 5%, e chegou ao 83,73% de media. No caso dos hoteis de tres estrelas, a ocupación media creceu arredor dun 2% ata alcanzar o 73,35%”, expoñen.
Prezos máis altos
Os hoteis de dúas estrelas tiveron unha ocupación media dun 70,14%, algo inferior á de 2024; os de unha estrela e pensións chegaron ao 64,81%, practicamente o mesmo que o ano anterior; e os apartamentos turísticos estiveron ocupados nun 72,60%, unha porcentaxe menor que na tempada pasada.
Segundo indicaron os responsables dos establecementos, os prezos subiron respecto ao ano pasado, mentres que o nivel de emprego permaneceu estable.
Duración das estancias
“Os principais cambios detectados polos profesionais consultados refírense á duración das estancias, que foi significativamente menor. Aumentaron as persoas que permanecen no municipio entre dous e tres días. Tamén se detectou un descenso no nivel de consumo no destino dos visitantes, que mediron máis os gastos que nas tempadas precedentes”, explican os empresarios turísticos de Sanxenxo.
“A consulta tamén confirmou a tendencia cara a unha maior dificultade dos establecementos para atopar persoal co nivel de formación e experiencia necesarios“, engaden.