A ‘investidura’ de Pablo Isla: asume o mando de Nestlé case catro anos despois de anunciar a súa marcha de Inditex
Pablo Isla convértese este mércores no novo presidente de Nestlé, empresa na que recalou como conselleiro en 2018 e na cal ostentaba a vicepresidencia desde o ano pasado.

Pablo Isla, en una foto de archivo, en su participación en el Consejo de CEOs de Wall Street Journal celebrado en Londres (Reino Unido). EFE/ Andy Rain
Pablo Isla toma oficialmente o mando de Nestlé. O que fora conselleiro delegado de Inditex entre 2005 e 2011 e presidente executivo entre 2011 e 2022, asumiu este mércores a presidencia de Nestlé despois de que o consello de administración da compañía decidise adiantar o seu nomeamento, previsto inicialmente para abril de 2026.
Isla substitúe no cargo a Paul Bulcke e dá un paso adiante na multinacional suíza. Tras entrar no órgano reitor no ano 2018, o executivo madrileño converteuse en vicepresidente e conselleiro independente principal do grupo en 2024. Agora, a tres meses de finalizar 2025, asume tamén a presidencia dun grupo do que tamén integra os comités de nomeamentos, retribucións, presidencia e goberno corporativo da compañía.
O adianto do nomeamento de Pablo Isla como presidente ten lugar despois do de Philipp Navratil como novo director xeral da firma tras o despedimento fulminante de Laurent Freixe (antigo CEO de Nestlé) por infringir o código de conduta empresarial por non revelar unha relación sentimental cunha subordinada directa, unha investigación supervisada por Bulcke e Isla.
Ademais de Isla, Dick Boer asumirá tamén dende este mércores o cargo de conselleiro independente principal e vicepresidente do consello de administración, mentres que Marie-Gabrielle Ineichen-Fleisch será a vicepresidenta do máximo órgano de goberno.
Pablo Isla colle o bastón de mando de Nestlé case catro anos despois de anunciarse a súa saída de Inditex. O xigante con sede en Arteixo informou en novembro de 2021 da saída tanto de Pablo Isla como de Carlos Crespo para dar paso a Marta Ortega e Óscar García Maceiras. Este último tomou posesión do seu novo cargo de maneira inmediata mentres que a filla de Amancio Ortega foi designada presidenta non executiva seis meses despois (en abril de 2022) tras un período transitorio que estivo pilotado polo propio Isla.