A Oficina Económica da Xunta atendeu case 27.000 consultas de empresas no seu primeiro ano
A directora do Igape, Covadonga Toca, defendeu que a creación da Oficina Económica en 2024 "representa unha nova forma de entender a relación entre a Administración e o noso tecido produtivo"

María jesús Lorenzana, Covadonga Toca y Jorge Escudero en Conxemar / Europa Press
A Xunta de Galicia fai balance do primeiro ano da Oficina Económica. A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, compareceu no Parlamento este xoves e na súa intervención destacou a creación desta institución que permite unha “nova forma de relacionarse co tecido empresarial”.
Na súa opinión, a Oficina Económica é un motor para atraer investimento e acelerar proxectos industriais e “representa unha nova forma de entender a relación entre a Administración e o noso tecido produtivo”. Toca argumentou que a Oficina foi concebida como unha xanela única de atención centralizada, nacendo co obxectivo de “desburocratizar, simplificar e acompañar” ás empresas “en tempo real”, ofrecendo itinerarios completos que inclúen asesoramento técnico, análise de viabilidade, acceso a financiamento, coordinación administrativa e apoio á implantación final dos proxectos.
Neste sentido, a directora do Igape concretou que, no seu primeiro ano de funcionamento, a Oficina atendeu máis de 26.800 consultas, das cales o 84% “resolveronse no acto”, e celebrou preto de 1.300 reunións de asesoramento empresarial. Ademais, a Oficina “acompaña” a máis de 330 proxectos de especial relevancia. “Os datos confirman unha administración próxima, áxil e útil, valorada polas empresas cunha nota media superior a 4,8 sobre 5”, profundou a alto cargo.
Covadonga Toca respondeu así á deputada do PSdeG, Patricia Iglesias, que trasladou as súas dúbidas sobre a orientación deste instrumento autonómico. Pola súa banda, o deputado do BNG, Ramón Fernández, criticou a “falta de iniciativa e planificación económica” da Xunta, e centrouse na disolución de Impulsa Galicia.
O salto a Madrid
En paralelo, a directora do Igape destacou o seu proceso de expansión e ratificou que en próximas datas contará cun punto permanente en Madrid, situado na Casa de Galicia, pensado tanto para empresas galegas que operan na capital como para investidores interesados en proxectos no noso territorio.
Ademais, reivindicou que se reforzou a conexión coa rede internacional de antenas do Igape en Estados Unidos, China, México, Emiratos Árabes Unidos, Xapón ou Marrocos, que facilitan contactos, identifican oportunidades e acompañan a internacionalización empresarial. Neste contexto, Toca puxo en valor o papel que está a xogar a antena de Miami para “protexer ás empresas galegas” nun mercado marcado pola nova política arancelaria.
Outra das novidades, continuou a directora do Igape, é a incorporación de novos servizos especializados, como o ‘climate proofing’, que integra a adaptación ao cambio climático no deseño dos proxectos de infraestruturas, ou os Grupos de Traballo con Empresas, metodoloxía pioneira para coordinar proxectos de gran envergadura que requiren longa execución e atención continua. Ademais, e no ámbito financeiro, reforzouse a colaboración co sistema bancario para ofrecer financiamento adaptado.