A Xunta teme polos eólicos de Alcoa e advirte que o bloqueo xudicial encarece a factura da luz.

María Jesús Lorenzana cre que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o parque de Eurus "avanza o que pode suceder cos de Alcoa" e di que o criterio da Sala do Contencioso é único en España.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía, durante la reunión con el comité de empresa de Alcoa

María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía, durante la reunión con el comité de empresa de Alcoa

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo este xoves unha reunión co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao marcada por a autorización da ampliación da balsa de lodos vermello e pola recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o parque eólico de Eurus en Mazaricos. A negativa da Sala do Contencioso ás autorizacións concedidas polo Goberno galego, teme Lorenzana, anticipa o que pode suceder tamén cos eólicos destinados a abastecer á planta de aluminio da Mariña.

A conselleira, que estivo acompañada polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, dixo que a sentenza “parece que pode avanzar o que pode suceder cos parques de Alcoa”. “É difícil explicar que o TSXG sexa o único en España, incluíndo o Tribunal Supremo, que ten esta tese“, manifestou, antes de lembrar que a Xunta interporá un recurso contra o fallo ante o Tribunal Supremo.

Entende a responsable de Economía do Goberno galego que a cuestión vai máis alá do futuro da compañía norteamericana en San Cibrao. A paralización de 70 parques eólicos, incluíndo os da produtora de aluminio, é un lastre para poder abaratar a factura da luz a cidadáns e empresas.

“É crucial que, dunha vez por todas, se desbloquee a situación eólica que temos na comunidade porque sentenzas como a de onte, desde o punto de vista económico e industrial, non favorecen a Galicia. Están facendo que os nosos fogares, veciños e fábricas estean pagando día tras día moito máis pola enerxía eléctrica, tendo un recurso renovable na comunidade que, de ser desbloqueado, suporía un abaratamento da enerxía coa nova política eólica que ten a Xunta”, concluíu.

Comisión de seguimento

Durante o encontro cos representantes dos traballadores, Lorenzana explicou que o Executivo galego continúa traballando “arreo” coa empresa para avanzar na tramitación da denominada cota 110 da balsa de lodos (DBR), un requisito “crucial para que a fábrica poida seguir coa súa actividade”. A conselleira asegurou que a Xunta está poñendo “todos os medios e a máxima axilidade posible” para facilitar este proceso.

A titular de Industria reclamou, de acordo co comité de empresa, a convocatoria inmediata da comisión de seguimento do acordo de viabilidade de Alcoa, presidida polo Ministerio de Industria. Neste sentido, Lorenzana avanzou que solicitará formalmente que o encontro se celebre en Galicia e que participen tanto o Ministerio de Industria como o de Transición Ecolóxica, “dada a relevancia da planta, o número de empregos en xogo e a importancia de mostrar un apoio total á industria galega”.

Lorenzana insistiu en que a participación do Ministerio de Transición Ecolóxica é “fundamental” polo papel que desempeña a enerxía na viabilidade de Alcoa. Reclamou ademais un estatuto estable para as empresas electrointensivas, con garantías xurídicas que permitan compensar as emisións de CO2 e abaratar os custos eléctricos.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta