Aena gasta a última bala no Supremo na súa loita con Inditex e Lonia polos alugueiros das tendas.
O Tribunal Supremo admite un recurso de casación do operador aeroportuario contra unha sentenza que o obriga a abonar máis dun millón de euros a Zara e Massimo Dutti, case a mesma cantidade que reclama á téxtil ourensá por rendas durante a pandemia.
Imaxe do exterior das tendas de Carolina Herrera e Zara.
Aena leva ao Supremo a loita con Inditex e Textil Lonia polos alugueres de locais comerciais nos aeroportos. O operador aeroportuario presentou dous recursos de casación, que o Alto Tribunal admitiu a trámite, co obxectivo de anular as sentenzas de primeira instancia e da Audiencia de Madrid que lle impiden cobrar a ambas multinacionais galegas as rendas dos establecementos do aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas non aboadas tras decretarse o estado de alarma polo estalido da pandemia do Covid-19.
No caso de Inditex o conflito remóntase a 2023, cando o Xulgado de primeira instancia número 36 de Madrid estimou a demanda do xigante téxtil galego. Nela reclamaba 1,15 millóns que Aena lle cobrara mediante os avais e a fianza incautada desde o 30 de novembro de 2020 ata o 12 de abril de 2021. Dese importe, 656.957 euros correspondían a locais de Zara, 130.235 euros aos da desaparecida Uterqüe e 367.011 aos de Massimo Dutti.
O operador aeroportuario presentou un recurso de apelación na Audiencia Provincial de Madrid no que plantexaba unha cuestión de inconstitucionalidade sobre a disposición final sétima da Lei 13/2021, que contempla medidas para paliar as consecuencias do Covid-19. Unha delas é a de anular a renda mínima garantida nos contratos entre o 15 de marzo e o 20 de xuño de 2020, e establece un novo cálculo a partir desa data para rebaixar a renda mínima de maneira proporcional á merma do tráfico aéreo na rede de Aena nese exercicio e nos posteriores, ata que se recuperen os niveis de 2019.
Os maxistrados tumbaron o recurso presentado por Aena en novembro de 2024 e confirmaron a sentenza do xuíz de primeira instancia, que entende que ditos importes non deben ser aboados ao ser aplicable unha cláusula (rebus sic stantibus) que permite a modificación dos contratos de arrendamento “en atención ao peche total, posteriores peches parciais e ao xeral impacto da pandemia do covid-19 no tráfico aéreo e nas tendas aeroportuarias”.
O caso contra Lonia
No caso de Textil Lonia, a multinacional galega que explota as marcas Carolina Herrera e Purificación García, a batalla legal remóntase a xuño de 2022, cando o Xulgado de primeira instancia número 70 de Madrid desestimou a demanda interposta por Aena contra a sociedade que fundaron Jesús, Francisco e Josefina Domínguez, irmáns do deseñador ourensán Adolfo Domínguez. Neste caso, o xestor aéreo reclamaba case 908.000 euros en concepto de rendas impagadas en 2020, tras decretarse o estado de alarma pola pandemia.
O xuíz de primeira instancia absolveu a Textil Lonia ao entender que era aplicable a mencionada disposición sétima da Lei 13/2021. Segundo recollía a sentenza, os contratos de arrendamentos contaban cunha cláusula na que se establecía un sistema combinado con unha renda variable en proporción ao volume neto mensual de vendas no local arrendado, así como dunha renda mínima anual garantida a percibir por Aena. “Esa disposición adicional sétima resulta de aplicación para Aena e aplicouna á renda mínima anual garantida do ano 2021, segundo as facturas presentadas pola demandada”. En todo caso, considera que a norma é aplicable “en tanto non sexa derrogada ou declarada inconstitucional”.
Do mesmo xeito que ocorreu coa multinacional fundada por Amancio Ortega, Aena recorreu en apelación á Audiencia Provincial de Madrid, alegando tamén a cuestión de inconstitucionalidade sobre a disposición adicional sétima da Lei 13/2021. O tribunal desestimou as pretensións da compañía, salvo a imposición de custas do xuíz de primeira instancia, que o órgano colexiado madrileño revoga nunha sentenza de abril de 2023.
O camiño ao Supremo
Tanto no caso de Inditex como no de Lonia, Aena optou por solicitar sendos recursos de casación no Tribunal Supremo contra as resolucións da Audiencia Provincial de Madrid nos que apuntaba a falta de xurisdición dos tribunais civís para coñecer dos casos. A orixe desta argumentación atópase nun resultado favorable que obtivo nun caso moi similar nos tribunais galegos.
En concreto, trátase do litixio contra Airfoods Restauración e Catering S.L, unha cadea de restaurantes con varios locais no aeroporto Santiago-Rosalía de Castro á que lle reclamaba as rendas non satisfeitas tras o estalido da pandemia. O percorrido xudicial repítese: o xulgado de primeira instancia dá a razón á arrendadora e Aena presenta recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña, que tamén é desestimado.
Aena acode ao Supremo pero, nesta ocasión, presenta un recurso extraordinario por infracción procesal e outro de casación. O Alto Tribunal entendeu que “podería existir incompetencia da xurisdición civil, por exercitarse na demanda unha acción relativa a reequilibrio contractual dunha concesión administrativa, cuxo coñecemento corresponde á xurisdición contencioso-administrativa”. Tras oír ás partes e ao Ministerio Fiscal, declarou a “incompetencia da xurisdición civil” para o coñecemento da demanda interposta e a “nulidade de todas as actuacións desde a súa admisión a trámite”.
En base a esta xurisprudencia o Supremo ditou dous autos, en outubro do 2025 para o caso de Inditex e en novembro do mesmo ano para o de Lonia, no que admite o recurso de casación de Aena co que aspira a conseguir a nulidade das sentenzas precedentes.