Alvariño entra no mercado de créditos de carbono.
Dosfer, unha das empresas do grupo familiar do expresidente da patronal galega, comercializará créditos de carbono de alta integridade para a peruana Amazon Carbón.
José Manuel Fernández Alvariño e Sergio Fernández
Grupo Alvariño entra na actividade de comercialización de créditos de carbono. Dosfer, unha das empresas da familia do expresidente da patronal alcanzou un acordo coa peruana Amazon Carbon, unha das principais firmas dedicadas ao rescate e conservación da amazonía coa xeración de bonos de carbono. O grupo vigués encargarase da comercialización destes créditos, ampliando así as súas liñas de actividade.
Con este acordo, Dosfer, a primeira consultora independente de España especializada no mercado CAE, abre unha nova división de negocio no mercado de créditos de carbono, ofrecendo aos seus clientes a posibilidade de descarbonización mediante a adquisición de créditos de carbono voluntarios de alta integridade.
Alvariño, Amazon Carbón e a amazonía
Os mercados voluntarios de créditos de carbono son mecanismos polos que empresas, co obxectivo de compensar a súa pegada de carbono e de forma voluntaria sen obriga legal, poden adquirir créditos que representan reducións verificadas de emisións de CO₂, xeradas por proxectos ambientais.
Amazon Carbon é un dos principais actores no rescate e a conservación da amazonía peruana a través da xeración e comercialización de créditos de carbono, con miles de hectáreas de selva onde os seus asociados son titulares das zonas máis produtivas de captura de carbono nos departamentos de Loreto, Ucayali e San Martín. Neste sentido, os proxectos de Amazon Carbon foron certificados por AENOR segundo o estándar BioCarbon Standard.
Sergio Fernández, socio fundador de Dosfer, explicou que “dende Dosfer encargámonos de comercializar parte dos créditos deste proxecto, que cumpren os estándares máis elevados a nivel global, como demostra o feito de que grupos empresariais de referencia en España, como o caso de BBVA, xa adquiriron créditos do mesmo”, e destacou a iniciativa de recuperación da amazonía que desenvolve Amazon Carbon, “porque ademais conta cun alto compoñente social”.
Colaboración estratéxica
Dosfer e Amazon Carbon foron asesorados por Galvin Avogados, despacho especializado en Enerxía e Dereito dos Negocios pertencente tamén ao Grupo Alvariño, que será socio estratéxico de Dosfer para adecuar os acordos con cada comprador de créditos de carbono ás necesidades específicas de descarbonización do seu negocio.
O presidente do Grupo Alvariño, José Manuel Fernández Alvariño, valorou este acordo como “un paso adiante para seguir proxectando a Dosfer e ao Grupo Alvariño nos servizos ligados á transición enerxética e a descarbonización no marco da nova economía verde”. “A traxectoria consolidada de dúas décadas do Grupo Alvariño no ámbito enerxético permítenos detectar necesidades non cubertas das empresas e dar respostas a través de novos servizos”, explicou, e asegurou que “esta experiencia e o traballo cunha carteira de clientes que inclúe firmas de referencia en sectores moi diversos permítenos ser un socio de gran solidez para acompañar ao tecido produtivo no seu avance cara a modelos máis sostibles e, polo tanto, máis competitivos”.
Neste sentido, Fernández Alvariño lembrou que o Grupo Alvariño “foi pioneiro no impulso á enerxía fotovoltaica a través da súa firma Voltfer, con case dúas décadas de traxectoria; pioneiro de novo na posta en marcha dunha consultora independente para o novo mercado de Certificados de Aforro Enerxético (CAE), Dosfer, e no lanzamento da primeira plataforma tecnolóxica para a xestión integral proxectos de aforro enerxético neste mercado; completou os seus servizos ás empresas con Galvin Avogados, un despacho especializado en Enerxía e Dereito dos negocios que busca dar resposta a necesidades non cubertas que as empresas teñen actualmente no campo legal nestes ámbitos; e agora amplía as súas áreas de actuación ao mercado voluntario de créditos de carbono de alta integridade”.