As axudas do Igape ao coche eléctrico enfrontan no TSXG á patronal do metal e ao clúster da automoción.
A Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima un recurso presentado por Asime, que solicitara previamente no xulgado a suspensión cautelar das axudas do Igape ao vehículo eléctrico por incluír entre os beneficiarios a empresas do Clúster Galego de Automoción e Mobilidade de Galicia.
Patricia Moreira, presidenta del Clúster Gallego de Automoción y Movilidad de Galicia (CEAGA) junto a Enrique Mallón, secretario general de Asime
A aparente sintonía e veciñanza entre a gran patronal galega do metal, Asime, e o Clúster Galego de Automoción e Mobilidade de Galicia, o CEAGA, rompeuse lonxe de Vigo, onde ambas organizacións teñen a súa sede e principal centro de operacións. E é concretamente na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) onde se dirimen as súas diferenzas, despois de pasar polos xulgados de Santiago. E todo, a conta das axudas ao coche eléctrico que canaliza o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
En unha sentenza comunicada ás partes en outubro, e á que tivo acceso Economía Digital Galicia, a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desbota un recurso presentado por Asime contra a decisión dun xulgado de Santiago que desestimara, previamente, a suspensión cautelar das axudas do Igape ao vehículo eléctrico, solicitada por dita patronal por incluír entre os seus beneficiarios ao Clúster Galego de Automoción e Mobilidade de Galicia.
Os argumentos de Asime
Os avogados de Asime solicitaron primeiro no xulgado do Contencioso número un de Santiago, e no seu recurso ante o TSXG despois, medidas cautelares en relación coa resolución do Consello de Dirección do Igape de xaneiro deste ano, e en concreto un dos artigos das bases reguladoras das axudas a proxectos que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e a descarbonización do sector da automoción en Galicia. Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea no Marco do Programa Galicia-FEDER 2021-2027.
O que encendeu as alarmas na patronal do metal foi a parte da resolución do Igape que sinala que “poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia no que se desenvolva o proxecto subvencionado”. En concreto, “a controversia versa”, segundo recolle a sentenza nos seus fundamentos xurídicos, “sobre o parágrafo segundo dese apartado, sobre o que recaeu a solicitude de suspensión cautelar que foi desestimada na primeira instancia, que establece que se considerarán industrias de automoción aquelas cuxa actividade principal se desenvolva nos CNAE 29 e 30, en calquera dos seus subepígrafes e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades deses CNAE, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia”. Dos CNAE aos que fai referencia, o 29 inclúe a fabricación de vehículos a motor, remolques e semirremolques, e o 30 a fabricación de outro material de transporte.
Igualdade de trato e liberdade asociativa
Para Asime, ese apartado contravén o dereito á igualdade de trato e o dereito de liberdade asociativa, “posto que a Administración está utilizando a cara amable dunha medida de fomento para, sen ningunha xustificación, favorecer que as empresas de automoción se afilien a unha concreta patronal, que ademais, dito sexa de paso, non gozaría de representatividade”, recollen os argumentos da patronal do metal. Ningunha das teses da patronal que dirixe Enrique Mallón é aceptada pola sala, que desestima íntegro o recurso de apelación presentado e obriga a Asime a pagar as costas do proceso.
O CEAGA agrupa a todo o sector de automoción: ao fabricante, o centro de Vigo de Stellantis; a máis de 160 empresas consolidadas de compoñentes e servizos de apoio; ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia; e novas startups creadas no marco do Business Factory Auto, constituíndo un polo de innovación de máis de 200 compañías.
Con un obxectivo máis amplo, Asime está formada por máis de 600 empresas asociadas das actividades de automoción, metalmecánica e transporte; naval, marítima e enerxías mariñas; construcións e estruturas metálicas; aeronáutica; aluminio e servizos complementarios. A principal labor de Asime é a defensa corporativa e individual dos intereses comúns dos seus asociados, unha patronal a todos os efectos que, neste caso, chega ao TSXG nesa acción contra o Igape por incorporar ao CEAGA entre os beneficiarios das axudas ao coche eléctrico.