As claves da patronal galega para frear a crise pola guerra en Oriente Medio
A Confederación de Empresarios de Galicia presenta unha longa lista de medidas para tentar paliar o impacto económico que provocaría o encarecemento da enerxía ou os curtos circuítos loxísticos.
Juan Manuel Vieites, presidente da CEG. CEG
A preocupación polo conflito no Oriente Medio e o impacto na economía volveuse central en Galicia, unha vez asumido o golpe global que suporía un encarecemento brusco da enerxía ou o curto circuíto das cadeas de subministración. Proba diso é que na mesma semana tanto a Xunta como a Confederación de Empresarios de Galicia presentaron informes para analizar os riscos que afrontan as empresas galegas e os sectores aos que prestar unha especial atención.
O estudo presentado pola patronal desglosa, ademais, unha longa lista de medidas destinadas a protexer a actividade. Di a entidade que preside Juan Manuel Vieites que “o conflito en Irán e a inestabilidade no Oriente Medio xeran impactos significativos sobre a economía galega que deben ser analizados de maneira transversal polo seu impacto en todos os sectores”. Menciona especificamente o incremento de custos de insumos e risco de desabastecemento; o incremento de custos loxísticos e de transporte internacional; e os efectos sobre a competitividade e cumprimento de contratos. “A xestión coordinada destes riscos é clave para protexer o tecido empresarial e garantir a resiliencia da economía galega ante un escenario internacional incerto”, sinala o documento da CEG.
O pasado luns, a Consellería de Economía sinalou que hai unhas 600 empresas galegas que na actualidade comercian co Oriente Medio, unhas 200 cunha relación comercial «regular» nos últimos catro anos. O volume de negocio total, entre exportacións e importacións, supera os 600 millóns. Os sectores que teñen máis presenza nesta zona son os do téxtil, a automoción e o agroalimentario, pois entre os tres concentran o 90% dos tráficos exportadores. Este sería un impacto directo, que se sumaría ao transversal derivado dun eventual encarecemento da enerxía ou do curto circuíto loxístico.
Como parar a crise
A Confederación de Empresarios de Galicia propón unha batería de medidas para protexer a economía e a actividade empresarial. As prioridades centraríanse en reducir os custos enerxéticos; facilitar o acceso á financiación; estabilizar as cadeas loxísticas; reducir a dependencia exterior das zonas de conflito; protexer o emprego; e garantir a viabilidade dos contratos públicos fronte a incrementos imprevistos de custos.
O estudo da patronal é máis detallado e lanza propostas en cada un destes ámbitos, destacando a necesidade de que as medidas se adopten de maneira coordinada e en base a estratexias conxuntas.
Enerxía
A CEG pide unha redución temporal de impostos sobre hidrocarburos, incluíndo o IVE e outros impostos especiais, que representan aproximadamente o 40 % do prezo final dos combustibles. Tamén a redución dos peaxes eléctricos para a industria electrointensiva, como Alcoa ou Megasa, e compensacións por custos indirectos de CO2. Piden acompasar estas medidas cunha redución das taxas aeroportuarias e reducións do IVE en produtos esenciais.
Axudas
A patronal solicita liñas de crédito con aval público, ampliación dos créditos ICO, axudas específicas para os sectores máis afectados, mecanismos de apoio ao consumo (bonos de mobilidade, transferencias directas para colectivos vulnerables, etc.), reforzo da financiación aos programas de transición enerxética, ou incentivos á produción agroalimentaria e á inversión tecnolóxica, entre outras medidas.
Loxística
A organización empresarial reclama accións que aseguren a “previsibilidade e seguridade” na loxística de mercadorías, minimizando atrasos, desviacións e sobrecustos operativos. Tamén demanda compensacións polo incremento de custos e apoios para a exploración de novas rutas loxísticas alternativas. Finalmente, solicita que se establezan mecanismos de mediación rápida para conflitos contractuais derivados de atrasos loxísticos.
.