Atlas Urbano: Vigo é líder en equipamentos ambientais, pero suspende en ruído, contaminación e reciclaxe
Vigo sitúase á cabeza na cuarta edición do estudo impulsado por Economía Dixital Galicia pola súa aposta material pola sustentabilidade, co maior despregamento de equipamentos de mobilidade sostible de Galicia, e unha posición de liderado en investimento ambiental.
Vista aérea de Vigo. Concello de Vigo
Vigo destaca como a cidade galega con maior despregamento de recursos para a sustentabilidade, liderando o número de equipamentos de mobilidade sostible, a rede de recollida selectiva e unha das maiores inversións municipais en protección ambiental. Con todo, esa fortaleza en infraestruturas e medios non se traduce por agora en mellores resultados: a urbe rexistra o nivel máis alto de contaminación por dióxido de nitróxeno (NO₂) e de ruído do sistema urbano galego, ademais de situarse na banda baixa do reciclaxe, segundo conclúe o Atlas Urbano da Sustentabilidade en Galicia 2025.
“Toda política de economía circular aplicada ao residuo comeza por unha decisión física: onde se coloca o colector. Ese xesto, aparentemente trivial, é en realidade o primeiro elo de toda a cadea, porque condiciona o custo de oportunidade do xesto do cidadán. Canto hai que camiñar para separar correctamente o lixo é, en última instancia, o que determina se o lixo se separa correctamente”.
O informe destaca a densidade da rede de recollida selectiva, non como un simple indicador loxístico, senón como a tradución do “principio europeo de proximidade”. “A conduta ambiental correcta só se xeneraliza cando o sistema o fai fácil”. A cidade olívica é a urbe galega con maior inventario de colectores de papel e cartón e de envases lixeiros, con 1.062 e 1.492, respectivamente.

Non obstante, o diagnóstico cambia cando se ten en conta a poboación. Así, a pesar de ter unha maior infraestrutura en volume, “o vigues medio dispón, na práctica, de menos colectores de proximidade que os seus equivalentes de Santiago ou Ourense”.
A infraestrutura das cidades, por si soa, non garante a eficacia da recollida. Para valorar este aspecto, o Atlas Urbano analiza tamén a recollida por quilos realizada por habitante e ano. En Vigo os cidadáns achegan ao circuito ao ano 11,7 quilos de envases lixeiros, 14,8 de papel e cartón, e 16,1 de vidro, por baixo de Lugo, Ferrol, Pontevedra e Santiago, que lidera o listado con máis de 26 quilos de envases lixeiros e papel e case 18 de vidro.
Taxa de reciclaxe
Tal e como explica o estudo, o indicador que sintetiza o rendemento do sistema é a taxa global de reciclaxe, que mide o porcentaxe de residuos que finalmente é valorizado. Vigo inclúese no mesmo bloque que Ferrol, Lugo e Ourense, “nunha banda estreita de entre o 12,6 e o 13,6%”, entre seis e nove puntos por baixo dos rexistros de Santiago e Pontevedra, con un 21,2 e un 19,6%.
En xeral, nas sete cidades galegas, o porcentaxe de reciclaxe “queda moi por baixo de calquera limiar europeo razoable”. “Os rexistros obtidos indican que Santiago avanza con maior ritmo dentro do ámbito galego que, en conxunto, opera por baixo de calquera limiar de madurez circular comparable aos seus pares europeos”.

Contaminación atmosférica e acústica
A contaminación atmosférica mídese con indicadores como o dióxido de nitróxeno (NO₂), dióxido de xofre (SO₂), partículas en suspensión grosas (PM10) e finas (PM2,5), ozono troposférico (O₃) e monóxido de carbono (CO).
Segundo explica o Atlas, dous deles son especialmente relevantes para a saúde pública. O primeiro é o dióxido de nitróxeno, gas resultante da combustión a alta temperatura que permite coñecer a cantidade de tráfico que circula por unha determinada zona. O segundo é o das partículas en suspensión finas cun diámetro inferior a 2,5 micras, que poden chegar a atravesar a barreira alveolar e entrar no torrente sanguíneo, provocando patoloxías cardiovasculares, respiratorias e neurolóxicas.
No caso de Vigo, os valores son de 9,8 microgramos por metro cúbico de aire (μg/m³) en PM2,5, cumprindo coa normativa europea, e de 19,3 no caso do dióxido de nitróxeno, “o valor máis alto de NO₂ do sistema galego, consistente coa súa xeografía de tráfico denso, actividade portuaria e dispersión residencial periurbana”.
Respecto á contaminación acústica, o Atlas Urbano analiza os indicadores de ruído estandarizados pola Directiva Europea 2002/49/CE, norma marco na que se establece, entre outros, o índice Lden, unha medida sintética que pondera os niveis de ruído ao longo das 24 horas concedendo maior peso aos tramos vespertino (+5 decibelios) e nocturno (+10 decibelios).
A cidade olívica –ao igual que Ourense, A Coruña e Santiago– supera os valores
normativos anuais establecidos pola lexislación vixente para zonas residenciais urbanas. “Vigo rexistra o peor índice Lden con 70 dB, cifra que na gradación europea considérase xa ruído alto e asociada a incremento significativo do risco cardiovascular segundo as guías da OMS. Os 70 dB non son unha intensidade abstracta: equivalen ao ruído de fondo dunha rúa con tráfico denso, ou ao dun aspirador en funcionamento continuo”.
Mobilidade sostible
Outra das partidas nas que a cidade olívica deixa patente o seu liderado, ademais da dotación material, é no número de equipamentos de mobilidade sostible instalados no termo municipal. Este indicador supón unha aproximación á aposta de cada concello por impulsar os modos de desprazamento alternativos ao vehículo privado motorizado, como carrís bici segregados, aparcadoiros seguros para bicicletas ou puntos de recarga eléctrica.
“O indicador contén imperfeccións xa que non mide cobertura espacial efectiva, non discrimina a calidade de cada equipamento, non recolle a conectividade do conxunto, e trata por igual unha estación de bicicletas con cen ancoraxes que un punto de recarga eléctrica con dous cargadores. A súa utilidade reside, non obstante, en que constitúe a primeira fotografía agregada dispoñible do esforzo material que cada concello despregou para reducir a dependencia urbana do vehículo privado motorizado. É, dito doutra forma, un indicador de input, non de output: mide intención e dotación, non resultado”.
Vigo conta cun total de 101 equipamentos, cifra que supera amplamente ao segundo clasificado, Santiago, con 68. Non obstante, este esforzo material non se traduce automaticamente en cambios de comportamento cidadán nin en redución efectiva do coche privado. A cidade olívica “rexistra apenas un 19,9% de desprazamentos a pé e un 13,3% en transporte público, cifras que a sitúan na parte baixa do sistema galego de mobilidade sostible efectiva”.
A inversión municipal en protección ambiental tamén é outro dos puntos nos que a urbe se atopa na cabeza do listado. “O que un concello dedica no seu orzamento ordinario a protexer o medio ambiente urbano (loita contra a contaminación acústica, lumínica ou atmosférica) é un indicador que establece as prioridades reais. Aqueles que asignan recursos significativos á protección ambiental están materialmente comprometidos coa causa”.
No caso de Vigo, a inversión absoluta do sistema ascende a 2,9 millóns, “coa coherencia da súa escala demográfica”, só superada por Pontevedra, con 4,4 millóns. En terceiro lugar sitúase A Coruña, con 1,9 millóns, á que segue Santiago, con 384.000 euros, Ferrol, con 367.000, e Ourense con case 157.000.

Cea edición do Atlas Urbano
O Atlas Urbano da Sustentabilidade en Galicia 2025, proxecto impulsado por Economía Dixital Galicia, analiza a economía circular das urbes galegas desde o enfoque do Monitoring Framework for Circular Economy da Comisión Europea, que concibe a xestión das cidades como o proceso metabólico dun organismo vivo, que importa recursos, os transforma mediante procesos internos e xera emisións. Nesta cuarta edición, contou co apoio de organismos e empresas como a Deputación da Coruña, Sogama, Espina, Reganosa, Exlabesa, Iberdrola, Ence e Veolia.