Maserati busca compañeiro de viaxe: Stellantis negocia con dous posibles socios
O conselleiro delegado do grupo, Antonio Filosa, sinala que a planta na que se fabrican os coches da firma de luxo “non está á venda” e que están a buscar socios que terán menos do 49% de participación.
Maserati – EP – Arquivo
Stellantis, fabricante de coches con planta en Balaídos, está a buscar socio minoritario para reforzar a marca Maserati, á espera de tomar a súa decisión “próximamente”. Así o apuntou este mércores o conselleiro delegado do grupo, Antonio Filosa, durante unha intervención no Parlamento italiano.
A medida, que a compañía xa trasladou aos sindicatos do país, permite tranquilizar aos traballadores a pesar de que o grupo dá prioridade ás súas marcas estadounidenses Jeep e Ram, ao tempo que está abrindo algunhas plantas europeas a socios chineses.
Filosa aclarou que a planta de Cassino, na que se fabrican os vehículos de Maserati, non está á venda, senón que xa se está en conversas con dous posibles socios, que terán menos do 49% de participación.
Durante o seu encontro con parlamentarios e sindicatos, o conselleiro delegado reiterou o compromiso de Stellantis de realizar novas inversións en Italia por valor de 5.000 millóns de euros ata 2030.
Aínda non se desvelaron os piares clave da estratexia italiana, en particular o futuro da planta de Cassino, preto de Roma, onde se fabrican os Maserati e os Alfa Romeo, e os plans de Filosa para a marca de luxo Maserati.
O novo plan de negocio prevé un papel concreto para cada planta italiana, con novos modelos e sen peches de fábricas, segundo explicou Cappellano ao sindicato. A estratexia futura para Maserati presentarase en decembro.