¿Un Panamera a prezo de MG? Así son as últimas apostas de SAIC para conquistar Europa
Con modelos como o MG 07, unha berlina que lembra por concepto ao Porsche Panamera, SAIC quere levar a marca de orixe británica a unha nova dimensión na que se inclúen SUV eléctricos de última xeración ou pick-ups.
Imaxe: MG
MG dá un paso máis na súa evolución. Baixo a dirección de SAIC, o xigante chinés que proxecta no Porto de Ferrol a súa primeira planta en Europa, a marca está ampliando o seu catálogo con modelos cada vez máis sofisticados, afastados da imaxe de fabricante de coches de altas prestacións a prezos accesibles. Un destes modelos é o MG 07, que representa un dos movementos máis ambiciosos da nova etapa da marca baixo o paraugas de SAIC Motor, co que se afasta da imaxe de fabricante centrado en modelos accesibles. Esta berlina fastback cun claro enfoque deportivo aspira a situarse nun mercado máis sofisticado, cun deseño que lembra algunhas propostas de alta gama, como o Porsche Panamera.
O MG 07 estará dispoñible nunha versión eléctrica e noutra híbrida. A primeira delas utilizará unha batería de 67 kWh (kilovatios/hora) que lle proporcionará unha autonomía de ata 650 quilómetros; tamén estará dispoñible outra variante con 610 quilómetros de autonomía. Nos dous casos, o motor eléctrico, situado sobre o eixo posterior, chegará a desenvolver unha potencia máxima de 176 kW, uns 239 CV.

Por outra banda, a variante híbrida enchufable combina un motor atmosférico de gasolina de 1,5 litros, con 82 kW de potencia, cun sistema eléctrico que alcanza os 152 kW. Este modelo viría equipado ademais cunha batería de 30 kWh que lle proporcionaría unha autonomía de ata 185 quilómetros.
Outro dos puntos fortes do MG 07 é o seu equipamento tecnolóxico. En concreto, conta cun sensor no teito (LiDAR) que lle habilita para utilizar a plataforma de condución intelixente Momenta R7, unha plataforma de software baseada en intelixencia artificial que permite ao vehículo interpretar o contorno, anticiparse a situacións e tomar decisións de condución máis complexas.
Segundo as previsións de medios especializados, este modelo sairá á venda en China cun prezo que oscilaría entre os 150.000 e os 200.000 yuanes (22.000 e 29.500 euros ao cambio). De aterrizar no noso mercado, os expertos vaticinan un prezo superior aos 40.000 euros, aínda que aínda mantería unha posición agresiva fronte a moitas berlinas eléctricas de fabricantes tradicionais.
Máises modelos da marca de SAIC
Outra das grandes apostas da casa de orixe británico é o MG 4X, unha das apostas coas que SAIC aspira a ampliar a súa presenza no mercado dos SUV eléctricos. Concebido como unha evolución do MG4, este modelo está dispoñible con dous niveis de potencia: un de 125 kW, de 168 CV, e outro de 150 kW, de 201 CV. En canto á autonomía, tamén inclúe dúas opcións: por unha banda un sistema de 53,9 kWh de tecnoloxía líquido-sólido que proporciona ata 510 quilómetros de autonomía; por outra, unha batería de 64,2 kWh de fosfato de ferro litio (LFP), que alcanza os 610 quilómetros de autonomía.
Con un deseño que aposta por unha imaxe máis robusta e moderna, con trazos propios dos novos modelos eléctricos da marca, este modelo incorpora unha arquitectura eléctrica de nova xeración, así como solucións de conectividade e sistemas intelixentes de asistencia á condución.
Aínda que nun principio o MG 4X estaba pensado para a súa distribución en exclusiva en China, SAIC confirmou a finais de maio que o sistema de batería líquido-sólido chegaría tamén a Europa e Reino Unido antes de que remate este ano.
Outra evolución é o MG4 EV Urban, unha variante que busca achegar a tecnoloxía eléctrica a un público máis amplo ofrecendo unha proposta máis sinxela e enfocada a un uso máis urbano.

O novo MG4 EV Urban está dispoñible con dous niveis de potencia. A versión de acceso combina unha batería LFP de 42,8 kWh cun motor eléctrico de 150 CV, mentres que as variantes superiores elevan a potencia ata os 160 CV grazas a unha batería de 53,9 kWh. En ambos os casos aposta pola tracción dianteira e unha posta a punto orientada á eficiencia e ao uso cotián, con autonomías homologadas de ata 416 quilómetros.
Aposta polas pick-up
Un dos últimos modelos lanzados pola firma é o MG U9, que supuxo a súa entrada nun dos segmentos máis importantes en Australia, Oriente Medio ou Latinoamérica: o das pick-up medianas.

Con unha lonxitude de 5,5 metros este modelo foi desenvolvido para competir directamente con modelos como a Toyota Hilux, a Ford Ranger ou a Volkswagen Amarok. O MG U9 busca diferenciarse cunha presenza moi similar á dos SUV modernos, cun habitáculo interno dixitalizado e un amplo equipamento tecnolóxico.
O MG U9 está equipado cun motor turbodiésel de 2,5 litros que desenvolve arredor de 218 CV e 520 Nm de par, asociado a unha transmisión automática de oito velocidades e a un sistema de tracción total conectable.
Os plans de SAIC en Galicia
Ao inicio do mes a Xunta oficializou este luns o desembarco de SAIC na comunidade tras declarar a iniciativa do grupo, que creará arredor de 2.300 empregos na comunidade, como un Proxecto Industrial Estratéxico.
As previsións da compañía son que a planta, que requerirá un investimento inicial de 200 millóns, estea operativa en 2028. O proxecto repartirase entre Ferrol, no porto exterior e a zona loxística de Mandiá, e As Pontes. O obxectivo de produción nesta fase é de 120.000 vehículos ao ano, co seu arranque en dous anos.
O próximo ano será o de inicio das obras. En Ferrol crearase mil empregos directos, e outros tantos indirectos, mentres que en As Pontes serán 300 os novos postos de traballo.