Congalsa, proveedora galega de Mercadona, dá o salto a Asia coa adquisición de Lenger Seafoods Vietnam
A compañía con sede na Pobra do Caramiñal faise cunha firma vietnamita cunha facturación anual por encima dos 16 millóns.
Congalsa adquiriu a compañía vietnamita Lenger Seafoods, para iniciar a súa expansión por Asia. Foto: Congalsa
O grupo empresarial galego Congalsa formalizou a adquisición da compañía vietnamita Lenger Seafoods Vietnam Ltd. (LS Vietnam), con sede en Nam Dinh para impulsar a súa expansión no continente asiático.
Tal e como trasladou a entidade nunha nota de prensa, con esta adquisición, Congalsa “fortalece a súa posición internacional” no continente asiático e “reforza a súa división industrial”.
A operación está actualmente pendente da obtención das autorizacións correspondentes por parte das autoridades vietnamitas e doutros implicados, polo que non será efectiva ata a formalización definitiva destas aprobacións.
Cadro de persoal de 200 persoas
Segundo destacou o grupo galego, a empresa vietnamita está especializada no procesamento e exportación de ameixa e outros produtos do mar, cun volume anual de facturación superior aos 16 millóns de euros e un cadro de persoal que supera as 200 persoas.
A través deste paso, Congalsa “reforza o seu posicionamento” dentro do segmento de produtos do mar de alto valor engadido, xa que a compañía vietnamita, fundada en 2006, dispón de acceso directo a fontes de materia prima.
As cifras de Congalsa
Agardando coñecer os seus datos relativos ao exercicio 2025, os últimos datos de facturación coñecidos de Congalsa son os de 2024, cando aumentou os seus ingresos de 151 a 173 millóns de euros, un 14,6% máis que en 2023. Ademais, elevou o seu beneficio neto de 4,3 a 5,7 millóns de euros.