Conta atrás para Losan, que podería entrar en concurso en 13 días a pesar das axudas da Xunta
O prazo do preconcurso finaliza o 29 de abril sen que haxa unha solución á vista para a segunda madeireira galega por volume de facturación, que recibiu axudas da SEPI, o ICO e a Xunta.
Imaxe da protesta dos traballadores de Losán fronte ás oficinas da Coruña / CIG
A situación límite que atravesa Losan, a segunda maior madeireira galega por volume de negocio despois de Finsa, chegou ao Senado. En 13 días finaliza o período do preconcurso da compañía, que ten plantas en Curtis e Vilasantar, e que recibiu axudas do Igape e de Xesgalicia por valor de 7 millóns en préstamos para poder saír adiante. Tamén acudíu ao fondo de solvencia da Sepi, que a finais de 2021 lle concedeu unha axuda de 35 millóns.
Con todo, unha vez naufragado o plan de atraer un inversor, o grupo continúa sen atopar a maneira de garantir a súa actividade e o seu futuro. Esta situación resoou na Cámara Alta, nunha iniciativa da popular Rosa Gallego que saíu adiante a pesar da abstención do PSOE, que propuxo un texto alternativo.
“O 29 de abril claro que é unha data clave”, destacou Gallego, para quen “hai que actuar de maneira urxente” e “deixarse de falar”. Na súa opinión, o “impacto económico excede claramente o ámbito municipal e autonómico”, polo que “corresponde ao Executivo Central, a través dos ministerios competentes e da Sepi, liderar a coordinación necesaria para garantir unha solución industrial viable que preserve a actividade produtiva e o emprego en todas as súas plantas”.
Enfrontamento político
Por parte do grupo socialista, Rafael Rodríguez Villarino cualificou de “extemporánea” a proposta, “agora, cando faltan 13 días, coa espada de Dámocles dun preconcurso de acredores, para que se fagan unha serie de cuestións que, se non se fixeran xa, pois realmente pouco futuro tería esta empresa, os seus traballadores e a sociedade en xeral”. Segundo o senador, “o Estado xa actuou, e actuaron, fixérono ben, cunha axuda de 35 millóns de euros e por outra banda con 19 millóns de euros de avais da Sepi”.
“Sobre a base do que aquí solicitan, cremos que está bastante ben recollido no texto alternativo que presentamos”, argumentou. “Con tan pouco marxe de tempo, imos poñer en valor o que xa se está facendo, e que continúe impulsando os canais de comunicación entre a Sepi e a dirección do grupo Losán para culminar o plan de reestruturación da débeda, e facelo de modo coordinado e de modo conxunto”, afondou.
Na réplica, a senadora do Partido Popular asegurou non dar “crédito” e defendeu non poder aceptar o texto alternativo dos socialistas. “Quédome coa boca aberta”, sinalou. “Os traballadores están sen cobrar e a empresa está a piques de pechar o día 29”, reiterou, sobre a “moi complicada” situación das plantas.
A situación de Losán
En concreto, a moción insta ao Goberno a, en primeiro lugar, convocar “de maneira urxente, a través da SEPI, unha mesa de traballo institucional co consello de administración do grupo Losán, os representantes dos traballadores e as administracións autonómicas afectadas, co fin de coordinar unha solución integral antes da finalización do prazo do preconcurso de acredores”.
En segundo termo, pide “exercer plenamente as funcións que corresponden á Sepi como instrumento do Estado en empresas estratéxicas, incluíndo a avaliación e validación técnica do plan de viabilidade, o seguimento do cumprimento dos compromisos derivados dos apoios públicos concedidos e a activación, no seu caso e conforme ao marco legal vixente, dos instrumentos de apoio previstos para empresas estratéxicas”.
En terceiro lugar, reclama “unha coordinación efectiva entre os ministerios competentes, dada a dimensión supraautonómica do grupo, que permita recuperar a actividade produtiva, garantir o pago íntegro das nóminas pendentes e asegurar a continuidade do emprego en todas as súas plantas”.
Por último, “recoñecer e atender formalmente o acordo unánime adoptado polos concellos afectados na comunidade autónoma de Galicia, trasladando resposta institucional ás súas peticións no marco do principio de lealdade e cooperación entre administracións”.