Coren consólidase por riba dos 1.000 millóns en ingresos aínda que recorta beneficios polos deterioros
O grupo ourensán pecha 2024 con beneficios de 10,5 millóns, un 30% menos, aínda que mantén marxes e mellora o seu resultado de explotación, que se elevou ata os 24,2 millóns.

Manuel Gómez Franqueira, presidente de Coren / Coren
Coren consolídase no selecto grupo de empresas galegas que supera os 1.000 millóns de ingresos, un club no que, ademais de Inditex, están Megasa, Gadisa, Vegalsa ou Finsa, e no que acaba de entrar Profand. Aínda que se a pesqueira de Enrique García Chillón acadou este fito tras incrementar un 8% a súa facturación en 2024, o maior grupo agroalimentario galego sufríu no exercicio unha leve caída na súa cifra de negocio.
A compañía ourensá ingresou 1.099 millóns fronte aos 1.127 millóns de 2023, un ano de máis inestabilidade nos prezos. Este retroceso non afectou á rendibilidade, pois tamén descenderon os gastos vinculados aos aprovisionamentos, de tal xeito que o resultado de explotación do grupo situouse nos 24,2 millóns, por riba dos 19,9 millóns do exercicio precedente.
Este avance nos beneficios operativos da empresa de base cooperativa non se traduciu en maiores ganancias principalmente polo deterioro dun crédito de algo máis de 13 millóns que empurrou á baixa o rendemento final do curso. A compañía explica no seu informe de xestión, consultado por Economía Digital Galicia, que, “considerando o escenario de incerteza e de alta volatilidade dos prezos”, decidiu “axustar a valoración dos seus activos inmobiliarios” e rexistrar os correspondentes deterioros que “minoraron” o resultado do exercicio.
A causa disto, o beneficio de Coren o ano pasado descendeu un 30%, quedando nos 10,5 millóns, fronte aos 15 millóns que gañou en 2023.
Menos peso do negocio internacional
O grupo que preside Manuel Gómez Franqueira ten máis de 2.600 traballadores, exporta a medio centenar de países e está presente nas catro provincias galegas coas súas fábricas de pensos e os seus centros de procesado de carne. O negocio avícola concéntrase principalmente en Ourense, mentres que ten un centro de referencia de vacún en Lugo (Novafrigsa) e outro de Porcino en O Porriño (Frigolouro).
A principal liña de actividade en 2024 volveu ser a avicultura, con uns ingresos de 357 millóns. A división de porcino sumou outros 227,8 millóns en vendas, mentres que a área de alimentación animal achegou 215,2 millóns e o grosso dos beneficios xerados pola compañía, xa que acabou o ano con uns ingresos de explotación de 53 millóns. Finalmente, a área de vacún acabou cunha facturación de 141,8 millóns. Estas cifras contabilizan as vendas a clientes externos, excluíndo as operacións intragrupo.
Das máis de 1.000 millóns de cifra de negocio, un 11,5% proceden de mercados internacionais, que rebixaron o seu peso respecto ao 2023, cando aportaron o 12,8% da facturación. Como consecuencia, o mercado doméstico pasou a representar o ano pasado un 88,8% dos ingresos da cooperativa ourensá.
Coren e os ‘falsos autónomos’
No pasado exercicio, Coren dotou unha provisión de 23,8 millóns polos litixios asociados ao caso dos falsos autónomos da sociedade catalá Servicarne, que proveía de traballadores ás grandes industrias do sector cárnico español. O Tribunal Supremo sentenciou recentemente, en xuño deste ano, que Servicarne actuaba como unha falsa cooperativa, dando a razón á Tesorería da Seguridade Social cando deu de alta de oficio aos operarios nas empresas nas que prestaban servizo.
Desde aquela resolución de 2018, a compañía ourensá integrou aos empregados procedentes de Servicarne na súa plantilla nos centros de Ourense, Lugo e O Porriño. Con todo, quedaba pendente o pagamento das cotas á Seguridade Social dos exercicios non prescritos, entre 2013 e 2017, que aínda estaban envoltos en diversos procesos xudiciais. “O grupo dotou unha provisión polo importe reclamado, na medida que o risco asociado aos litixios en curso, na opinión do despacho de avogados que asesora á sociedade, viuse incrementado, pasando de ser un risco posible a un risco probable baseándose na última xurisprudencia dispoñible”, di Coren na súa memoria de exercicio. Precisamente, o pasado xuño o Supremo fallaba contra Servicarne en relación aos traballadores que operaban en Novafrigsa.
120 millóns en caixa
Coren finalizou o exercicio cunha posición de tesourería de algo máis de 120 millóns e afronta este ano o vencemento de 37 millóns en pagarés emitidos no MARF. Os activos da compañía situábanse nos 546 millóns, por riba dos 512 millóns de 2023, mentres que o patrimonio neto alcanzaba os 119,1 millóns, por debaixo dos 121 millóns do curso anterior.