Finsa estancase en vendas pero redobra os seus investimentos
A maior madeireira galega pechou o seu exercicio fiscal 2024 con 1.208 millóns de euros de facturación mentres que o seu resultado de explotación retrocedeu un 30%, ata os 126,7 millóns

Sede de Finsa en Santiago
Finsa fai balance do seu exercicio fiscal 2024. A maior empresa madeireira galega pechou o ano pasado cunha facturación de 1.208 millóns de euros. A cifra representa un descenso do 1,2% respecto aos 1.223 millóns colleitados en 2023.
“No ano 2024 produciuse un incremento de actividade nos sectores relacionados co hábitat. O aumento das vendas respecto ao ano anterior, non se traduciu nun aumento da facturación debido a un decremento progresivo dos prezos de venda ao longo do ano 2024“, subliña a firma.
Na Estado de Información Non Financeira (EINF) que a compañía presentou este martes tamén se revela que o ebitda recorrente retrocedeu dende os 234,5 millóns de euros ata os 197,6 millóns mentres que o resultado de explotación descendeu ata os 126,7 millóns de euros, o que representa unha baixada do 30,2%.
“Os custos tamén experimentaron un aumento, impulsados principalmente polos aprovisionamentos, a actualización de salarios e o incremento da plantilla”, subliña a firma sobre esta erosión nos seus marxes.
A folla de ruta de Finsa
En paralelo, Finsa, que elevou a súa plantilla de 3.277 a 3.342 traballadores no último ano (o 95% conta con contrato indefinido), tamén se volcou en materia de investimentos. Estas incrementáronse dende os 76 millóns de euros rexistrados en 2023 ata os 83 millóns en 2024.
Estes importes permitiron dar “continuidade ao plan de investimentos destinado á actualización e mellora tecnolóxica dos equipos e instalacións, a transformación dixital dos procesos e a construción de novos centros”.
Finsa tamén destaca a firma do seu novo convenio colectivo 2924-2027, “que incorpora entre outras melloras, un modelo de clasificación profesional baseado no desenvolvemento e aprendizaxe das persoas, a redución da xornada, a evolución dos distintos sistemas de traballo, así como incrementos salariais, con carácter consolidable e tamén variable, baseado nun modelo de actualización salarial vinculado á sostibilidade económica e social da actividade”.
De cara ao futuro, a empresa con sede en Santiago de Compostela adverte da “situación de incerteza respecto aos efectos no mercado da situación xeopolítica, a evolución dos distintos conflitos bélicos, a inflación e os tipos de interés”. “Non prevemos no noso sector, un incremento da demanda a curto prazo”, destaca a empresa, que aposta por seguir “traballando no desenvolvemento de produtos biobasados e novos proxectos de fábrica intelixente nas diferentes plantas”.
Continuamos neste ano 2025 desenvolvendo novas propostas de valor nos ámbitos da madeira técnica e estrutural, principalmente nos sectores de interiorismo e construción, e seguimos traballando no desenvolvemento de produtos biobasados e novos proxectos de fábrica intelixente nas diferentes plantas.