Os fondos europeos de innovación chegan a Finsa e Forestal do Atlántico e deixan fóra a Altri.
O listado actualizado do 'Innovation Fund' de Bruxelas segue sen incluír a Altri no listado de proxectos que recibiron financiamento.
José Soares de Pina, CEO de Altri
Os fondos europeos de innovación (Innovation Fund) deixan o seu particular premio nas plantas de metanol verde de Forestal do Atlántico en Mugardos e de Foresa e Iberdrola en Begonte, pero, pola contra, pasan de longo polo proxecto de Altri en Palas de Rei.
Segundo Nós Diario, a listaxe actualizada a 7 de novembro de 2025 non inclúe a Altri entre os proxectos merecedores de recibir financiamento dos Innovation Fund. Greenfiber informaba a pasada semana nun comunicado que se presentara ao programa de financiamento Innovation Fund, pero a Agencia Europea do Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (Cinea) trasladoulle que “a pesar dos seus méritos, o Proxecto Gama non pode ser financiado debido aos recursos presupostarios dispoñibles para esta convocatoria”.
A empresa defende que a negativa á aportación de fondos “non obedece a ningún incumprimento coa lexislación ambiental europea”. Ademais, indica que o selo STEP (Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa) outorgado pola Comisión Europea permítelle optar a outra financiación como a do Banco Europeo de Investimentos (BEI).
Os proxectos que pasan a criba
Estes fondos si se canalizarán en Galicia a través de iniciativas como a planta de metanol verde de Begonte (Green Meiga), impulsada por Iberdrola e Foresa (filial de Finsa), e a planta de metanol verde de Mugardos (Triskelion), impulsada por Forestal do Atlántico, que nos últimos meses amarraron axudas por valor de 122,9 millóns e 48,8 millóns, respectivamente.
Outros exemplos de proxectos galegos que seguen adiante co apoio destes fondos son o de Norvento (recibiu 27,6 millóns) para a súa planta de cero emisións que construirá en Lugo.
Esta negativa a Altri sume ás do Goberno central, que deixou á pasteira portuguesa sen fondos do Perte de Descarbonización e non outorgou á compañía de conexión eléctrica na nova planificación da rede para próximos anos.