Gadis busca traballadores: contratará a máis de 1.000 persoas para a campaña de verán
Os perfís que se demandan son diversos, tanto para os supermercados como para as áreas de loxística e almacén das plataformas situadas na súa sede central do Polígono de Piadela (Betanzos) e na de Medina do Campo.
Gadis, a cadea galega de supermercados, contratará a máis de 1.000 persoas para a campaña de verán co obxectivo de “seguir prestando o mellor servizo aos clientes ante o aumento de actividade que se prevé nos próximos meses”.
Segundo explican desde a compañía, o proceso de selección xa comezou e os perfís que se demandan son diversos, tanto para os supermercados como para as áreas de loxística e almacén das plataformas situadas na súa sede central do Polígono de Piadela (Betanzos) e na de Medina del Campo.
A presentación das candidaturas pode realizarse a través do portal de emprego empleo.gadisa.es.
Cursos de formación ocupacional
A compañía imparte ademais cursos de formación ocupacional ás persoas que se incorporan ás seccións de produto fresco, principalmente. O fin é que poidan adquirir un maior desempeño profesional e garantir a mellor atención aos clientes, tendo en conta que a cadea de supermercados fomenta a venda asistida en mostrador tradicional para unha mellor experiencia de compra.
“Atraer novos talentos con perfís especializados é unha das prioridades da empresa, a que máis emprego xera do seu sector na comunidade galega, e que pechou 2025 con máis de 9.000 traballadores”.
Desde o departamento de Recursos Humanos poñen en valor a cultura corporativa de Gadis para o crecemento persoal e profesional do seu equipo humano, destacando a oportunidade que supón esta oferta de emprego para os próximos meses. Na pasada campaña de verán Gadis contratou a 914 novos traballadores, cifra que espera aumentar por riba do milleiro este ano.