IAG, propietaria de Iberia, acapara máis da metade do tráfico aéreo galego tras a ‘fuxida’ de Ryanair
O grupo británico controla o 57% do tráfico de pasaxeiros en Galicia a través de Vueling e Iberia, mentres que Ryanair cae do podio tras pechar a súa base en Santiago e suprimir as súas rutas desde Vigo.
Imaxe de arquivo dun avión de Vueling
IAG consolídase como o principal motor dos aeroportos galegos tras a fuxida de Ryanair. Así o certifican as estatísticas de Aena, que revelan que o grupo británico (propietario de Iberia, Vueling, Aer Lingus ou Level) xa controla o 56,7% do tráfico de pasaxeiros en Alvedro, Lavacolla e Peinador.
E é que segundo os datos do xestor aeroportuario, son un total de 560.079 os viaxeiros que pasaron polos aeródromos galegos a través dalgunha das filiais de IAG entre os meses de xaneiro e marzo. A maior parte (404.652, un 41% do total) fíxoo a través de Vueling, que se ergue como a aeroliña líder en Galicia despois do recorte de Ryanair.
A compañía irlandesa anunciou a finais de 2025 un plan de axuste de dous millóns de prazas en España que deixou aos aeroportos de Santiago e Vigo como principais damnificados. En Lavacolla pechou a súa base e reduciu o seu número de rutas a só cinco (Tenerife Sur, Valencia, Lanzarote, Londres e Sevilla), con 15 voos semanais. En Peinador, pola súa banda, suprimiu a ruta que conectaba a terminal coa de Londres Stansted.
É por iso que Ryanair caeu do podio das principais aeroliñas con actividade en Galicia tras rexistrar un total de 67.378 pasaxeiros nos tres primeiros meses do ano. Esta cifra representa apenas un 6,7% dun total de 987.812 e queda por debaixo do 19,9% que rexistra Air Europa e o 15,7% de Iberia. Air Nostrum, cun 6,3%, Easyjet (3,5%), Binter (3,1%), Volotea (1,6%) e Evelop (1,2%) completan o top das principais aeroliñas en Galicia.
A expansión de Vueling
Vueling xa quedou en 2024 a apenas 38.000 pasaxeiros de dar un sorpasso a Ryanair que si logrou o ano pasado. Os datos de Aena revelan que a filial do grupo IAG colleitou unha cota de mercado do 34,2% nos aeroportos galegos en 2025, superando ao 23% de Ryanair, o 15,1% de Air Europa e o 11,6% de Iberia.
Ademais do recorte de Ryanair, Vueling aproveitou a súa posición de liderado en Lavacolla e a súa forte presenza en Alvedro para facerse co trono en Galicia. Non en balde, a aeroliña acapara un 65,5% do tráfico aéreo de pasaxeiros na terminal compostelá, toda vez que transportou a un total de 285.628 viaxeiros a través das súas rutas a Barcelona, Madrid, Málaga, Sevilla, Alicante, Palma de Mallorca, Tenerife, Gran Canaria, Lanzarote, Bilbao, Xerez, Ibiza, Londres (Heathrow e Gatwick), París, Roma, Amsterdam, Zurich e Marrakech.

Ryanair, pola súa banda, mantense como a segunda principal aeroliña do Santiago-Rosalía de Castro, con 67.040 pasaxeiros (un 15,4% do total) mentres que Iberia pecha o podio con algo menos da metade (31.901) cos seus voos a Madrid.
De Alvedro a Peinador
A terminal santiaguesa afronta agora unhas obras de 35 días para a rexeneración profunda do pavimento da pista que implicará que Alvedro dobre a súa actividade e, previsiblemente, lle adiante en número de pasaxeiros neste 2026. Polo aeroporto coruñés pasaron un total de 313.632 pasaxeiros entre xaneiro e marzo (fronte aos 435.679 de Lavacolla), dos cales un 31,9% fíxoo a través de Air Europa, que opera a ruta co hub aeroportuario de Madrid-Barajas. Vueling, con rutas a Barcelona ou Canarias, acapara o 25,5%, mentres que Iberia representa un 23,8% cos seus voos a Madrid e Barcelona.
No caso de Peinador, Air Europa tamén reina cos seus 95.490 pasaxeiros (un 40% do total) con destino Madrid, superando ao 20,5% de Iberia (opera rutas a Madrid e Barcelona) e ao 16,3% de Vueling (conta con conexión con Barcelona).