Actualizado
Internaco vai de compras despois de roldar os 130 millóns de facturación o ano pasado
O grupo con sede en Ordes anunciou a adquisición de 92 SA, empresa importadora de marcas de coidado de espazos verdes con máis de 25 anos de experiencia

El grupo Internaco compra la compañía 92 SA
Internaco suma e segue. O grupo con sede en Ordes anunciou a compra da madrileña 92 SA, empresa importadora de marcas de coidado de espazos verdes con máis de 25 anos de experiencia.
A través dun comunicado, Internaco recalca que 92 SA “é considerada dentro do sector como unha das compañías máis áxiles nas súas políticas comerciais e de servizo, e recoñecida como unha das que posúen un mellor portafolio de marcas orientadas ao coidado de espazos naturais e xardinería”.
Non en balde, 92 SA é un importador de recoñecidas marcas como: Cub Cadet, AS Motor, Mowox, Segway Navimow, Duramax, Suncast, Arnold Products e MTD.
Esta é unha máis da decena de adquisicións que Internaco ten posto en marcha desde que en 2015 activase un plan de expansión que a catapultou ata resultados récord. Tanto é así que a compañía especializada na distribución de maquinaria forestal, agrícola e de xardinería pechou o seu exercicio fiscal 2023 con 129,3 millóns de euros de facturación, o que representa un aumento do 5,2% respecto a 2022.