Monbus fracasa ao tentar frear outra investigación por amaños no bus escolar galego
A Comisión Galega da Competencia rexeita os recursos do grupo de Raúl López contra a apertura dun expediente sancionador que afecta a 11 filiais da compañía e que investiga posibles condutas colusorias na adxudicación de servizos de transporte escolar na Coruña.
Flota de autobuses de Monbus / EP
Monbus foi a principal vencedora das dúas grandes licitacións de transporte da Xunta, as liñas regulares de viaxeiros e o bus escolar. Pero en ambas acabou enredado en recursos administrativos, xudiciais e, finalmente, en investigacións por posibles prácticas colusorias nos concursos. O primeiro caso, o presunto cártel con Alsa, rematou cunha proposta de sanción de 1,7 millóns a ambas empresas por parte da Comisión Galega da Competencia, que tivo que iniciar o expediente sancionador por mandato xudicial despois de considerar que non había caso. Agora, o maior grupo galego do sector enfróntase a novas investigacións polas adxudicacións de transporte escolar. E aínda que está intentando parar os procedementos, Competencia está rexeitando todos os seus recursos.
En dúas resolucións que o organismo que preside Ignacio López-Chaves fixo públicas este venres, o pleno rexeita as impugnacións presentadas por 11 empresas do grupo de Raúl López, sobre as que pesa un expediente sancionador por posibles condutas anticompetitivas no proceso de contratación das liñas de transporte escolar na provincia da Coruña. Os recursos contra a apertura do expediente foron presentados por Rías Altas, por un lado, e por Autos Arcade, Auto Industrial, Castromil, Eleuterio López, Empresa Monforte, Gala, Luber, Gómez de Castro, Hispano Igualadina e La Unión, por outro.
A negativa de Competencia a parar a investigación e pechar o expediente súmase a outra anterior en liñas escolares da provincia de Pontevedra, que foi adiantada por Praza. Nese caso, presentaron o recurso parte destas mesmas filiais, xunto a Empresa Miño e Autobuses de Pontevedra. Monbus fixo con 28 dos 57 lotes que había en disputa na licitación do transporte escolar galego, que se corresponden con 1.586 rutas de transporte repartidas pola comunidade. O valor dos contratos, tomando en conta a participación da compañía de Raúl López nas UTEs, rondou os 21 millóns, aínda que é máis elevado, de ata de 50 millóns, se se ten en conta a prórroga da Xunta.
As alegacións de Monbus
Os dous recursos presentados contra o acordo de incoación do expediente sancionador son idénticos, tanto o de Rías Altas como o do grupo de empresas. Esgrimen tres argumentos: a inexistencia de indicios para cuestionar a licitude das UTEs, que a súa entender é a única alegación de Competencia para xustificar a investigación; que as denuncias que deron lugar ao expediente xa foron xulgadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, resolvendo que a conformación das alianzas non podía considerarse como indicio de práctica colusoria; e que o acordo que abriu o expediente incorreu en diversas infraccións vinculadas á falta de motivación.
Monbus conclúe que o expediente non cumpre co estándar de “indicios racionais” previsto na Lei de Competencia, polo que non se xustifica algo tan gravoso como a apertura dun proceso sancionador. A investigación parte, como se aprecia nos argumentos do grupo de Raúl López, da conformación de UTEs para optar aos contratos sen aparente necesidade de facelo, polo tamaño de Monbus, que defendeu, neste e outros procedementos, que as alianzas permiten aproveitar e optimizar os recursos das empresas integrantes.
Competencia segue adiante
Se no caso do transporte regular de viaxeiros a Comisión Galega da Competencia decidiu meter as denuncias nun caixón, agora rexeita arquivar a investigación. Alega, en base ao informe da Subdirección de Investigación (Subic), que para admitir o recurso só hai dúas causas posibles: a indefensión e o prexuízo irreparable. E ningún dos dous se dá. De feito, sinala que, a diferenza doutros impugnacións de Monbus, nesta non alega dano reputacional ou económico. Do mesmo xeito, a apertura do expediente é unha maneira de materializar o dereito de ser informado do contido da acusación.
Para o resto de argumentos da compañía, Competencia indica que son alleos á resolución, pois entende que deben valorarse nunha fase posterior, unha vez se resolva o expediente sancionador.