Multa millonaria de Polonia a Jerónimo Martins, rival de Froiz e Mercadona en Portugal
O regulador polaco UOKiK, encargado de protexer os dereitos dos consumidores, impón unha sanción de case 25 millóns á cadea polaca Biedronka por unha campaña de descontos que considerou "enganosa".
Malas novas para Jerónimo Martins. A propietaria da cadea de supermercados portuguesa Pingo Doce, rival de Froiz e Mercadona, foi sancionada polo regulador polaco UOKiK, que traballa para defender os dereitos dos consumidores. En concreto, a multa de case 25 millóns de euros recaeu sobre a rede de establecementos Biedronka, a maior cadea de supermercados do país, por unha campaña de descontos que considerou enganosa.
Entende o organismo que a campaña “enganou aos clientes” ao empregar unha “simple promesa” de “reembolso do 100% en cupóns”. Segundo informan nun comunicado, os consumidores sorprenderonse ao descubrir as normas e limitacións tras as compras.
A promoción, segundo recolle o diario luso Negocios, animaba aos clientes a comprar unha serie de produtos polos que recibirían a posteriori o reembolso do 100% do importe mediante un cupón.
Difícil devolución
“Con todo, resultou que as condicións para canxear o cupón eran máis complexas das anunciadas na radio, a aplicación móbil, a páxina de Facebook de Biedronka ou as tendas da cadea. Os consumidores non podían usalo para compras posteriores, como suxería o eslogan publicitario”, explican desde UOKiK nun comunicado.
Coa compra dun produto o cliente conseguía un cupón de desconto para adquirir outro produto, independente do primeiro. Así, por exemplo, segundo explican desde a asociación, “comprar chocolate daba dereito a un cupón para cosméticos” ou “comprar carne daba dereito a un cupón para bebidas ou doces”.
Para poder canxear os descontos, e por tanto conseguir o reembolso, os clientes tiñan que facer outras compras dunha categoría concreta e cun importe determinado.
Con todo iso, o regulador polaco concluíu que a empresa “violou deliberadamente os intereses colectivos dos consumidores” e impónlle unha sanción de 104,7 millóns de zlotys, uns 24,7 millóns de euros.