Nestlé pagou 5.000 millóns a KKR para ampliar o negocio de vitaminas que Isla e Navratil queren traspasar
O grupo suízo, que segue empeorando a súa rendibilidade, pretende dar a volta á última gran operación de Mark Schneider como CEO, cando pagou 5.750 millóns de dólares a KKR polas principais marcas de Bountiful.
Pablo Isla e Philipp Navratil. Nestlé
Nestlé executou a súa primeira gran desinversión na etapa de Pablo Isla como presidente co traspaso do 50% da súa división de augas a Platinum Equity, propietario da pesqueira galega Iberconsa. A operación, que achegará preto de 3.000 millóns de ingresos á multinacional suíza, chega en medio dun proceso de reestruturación para adelgazar arredor de 16.000 empregos a compañía, con ingresos e rendibilidade á baixa e con síntomas de inestabilidade na bolsa, que levaron á compañía a caer un 8% o día que anunciou a venda e os seus resultados semestrais.
En realidade, Isla e o novo CEO, Philip Navratil, executaron un plan que levaba tempo sobre a mesa. Nestlé plantexou xa na etapa do anterior CEO, despedido por unha relación amorosa cunha subordinada, o traspaso do negocio de augas, ao igual que o de vitaminas e, máis recentemente, o de xeados. Esta estratexia estaría encamiñada a tomar impulso na bolsa tras a atonía da acción dos números do xigante helvético. Desde agosto de 2022, cando dimite Mark Schneider, CEO durante oito anos da compañía, os títulos depreciáronse un 11%. No que vai de 2026, xa co tándem formado por Navratil e Isla á fronte, revalorízanse un 5%, pero tras encaixar outra dura caída tras a presentación de resultados. “Estamos afinando a nosa carteira. A alianza estratéxica para o negocio de augas é un paso importante nesta dirección. Trátase de enfocarnos para gañar”, dixo o conselleiro delegado do grupo.
As desinversións que veñen
A posibilidade de acelerar as desinversións supón unha emenda á última etapa do propio Schneider, que en 2021 fixo unha aposta de 5.000 millóns para expandir o negocio de vitaminas e suplementos alimenticios. Ese ano, Nestlé comprou a KKR as principais marcas de The Bountiful Company, incluíndo os produtos de Nature’s Bounty, Solgar, Osteo Bi-Flex e Puritan’s Pride, así como o negocio de marcas privadas da compañía nos Estados Unidos. A operación estaba encamiñada a acelerar o crecemento do grupo, que pagou ao fondo estadounidense 5.750 millóns de dólares, algo máis de 5.000 millóns de euros ao cambio actual.
A nova adquisición integrouse en Nestlé Health Science. Esta división, segundo as contas anuais de Nestlé, facturou 6.551 millóns en 2025, cun resultado operativo de 709 millóns. Ten unha cifra de negocio similar á de Nespresso (6.481 millóns), aínda que con menor rendemento, pois o café achegou un resultado operativo de 1.136 millóns. Antes da remodelación da cúpula, o grupo estudaba a venda dalgunhas desas marcas adquiridas a KKR, se ben a estratexia de Isla e Navratil manterá a nutrición como elemento de crecemento xunto ás divisións de café, mascotas, alimentación e snacks, segundo trasladou a principios deste ano a compañía.
Con o foco posto nestas áreas, o conselleiro delegado tamén avanzou a intención do grupo de vender o resto do seu negocio de xeados a Froneri, coa que mantén unha alianza desde hai anos neste segmento. Navratil asegurou que estaban en “negociacións avanzadas” para culminar a operación.
A rendibilidade de Nestlé
Os resultados do primeiro semestre de Nestlé deixaron unha caída dos ingresos do 2,5%, ata os 43.109 millóns de francos suízos, uns 38.000 millóns de euros. O beneficio neto descendiu un 31,4% na comparativa interanual, prexudicado polos custos de reestruturación. A marxe bruta de beneficio situouse no 46,4%, 0,2 puntos por baixo da de hai un ano; e a marxe subxacente (UTOP margin) caeu 0,1 puntos, ata o 16,4%. Ambos parámetros, iso si, melloran se se comparan co segundo semestre de 2025, cando foi do 44,6% e do 15,7%, respectivamente.
Os parámetros de rendibilidade explican algo sobre a venda do 50% do negocio de augas. Nespresso ten unha marxe operativa subxacente do 20,7%, mentres que a división de augas e bebidas tiña ao peche do semestre unha marxe do 9%. Está tamén moi por baixo das divisións de café, cun 19%; mascotas, cun 21,8%; nutrición, cun 19,8%; e alimentación e snacks, cun 17,4%.