O Constitucional entra en escena por un caso de discriminación fiscal da Xunta a unha empresa de Burgos.
O pleno do TC admitiu a trámite unha cuestión de inconstitucionalidade do TSXG polas diferenzas no gravame do Imposto de Actos Xurídicos Documentados en función do domicilio fiscal das sociedades de garantía recíproca.

Tribunal Constitucional. EFE/ Zipi
O pleno do Tribunal Constitucional move ficha contra a Xunta de Galicia por aplicar un tipo de gravame diferente no Imposto de Actos Xurídicos Documentados en función do domicilio fiscal das sociedades de garantía recíproca.
O Constitucional admitiu a trámite a cuestión de inconstitucionalidade plantexada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tal e como figura no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) este mércores, asinado polo secretario de xustiza do pleno do Tribunal Constitucional, Alfonso Pérez Camino. As partes poden personarse ante o TC nun prazo de 15 días.
En concreto, a sección cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG entende que podería constituír unha vulneración da “igualdade como garantía básica do sistema tributario”.
Na auto, os maxistrados do alto tribunal galego explicaban que, tal e como establece o Tribunal Constitucional na sentenza 20/2022, “o que non pode facer o lexislador é localizar nunha parte do territorio nacional, para un sector ou grupo de suxeitos, un beneficio tributario sen unha xustificación plausible que faga prevalecer a quebra do xenérico deber de contribuír ao sostemento dos gastos públicos sobre os obxectivos de redistribución da renda (art. 131.1 CE) e de solidariedade (art. 138.1 CE) que a Constitución española propugna e que dotan de contido ao Estado social e democrático de Dereito”.
Neste sentido, a sala do TSXG considera que, ao non atopar dita xustificación, debe elevar a cuestión de inconstitucionalidade en relación co artigo 15.6 do Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aprobou o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado por se fose contrario ao principio de igualdade do artigo 14 da Constitución española, en conexión cos artigos 139.2 e 157.2 CE e 9 c) da Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas.
A orixe do caso
É por iso que o TSXG informou en febreiro de 2025 que decreta a suspensión, ata que o Tribunal Constitucional se pronuncie, das actuacións relativas ao recurso presentado por unha sociedade de garantía recíproca con domicilio social en Burgos que constituíu hipotecas sobre bens situados en Galicia.
A sociedade reclama ao TSXG que se manteña o tipo de gravame do 0,1%, que aplicou na súa autoliquidación, e non o do 1,5%, como defende a Consellería de Facenda, que alega que o artigo 15.6 do Decreto Lexislativo 1/2011 condiciona a aplicación do gravame do 0,1% na modalidade de actos xurídicos documentados a que as sociedades de garantía mutua teñan o seu domicilio en Galicia.
“A discrepancia cíñese en determinar a validez constitucional da diferenciación no tipo de gravame”, subliñaba o TSXG na auto, na que indica que aínda que o Imposto de Actos Xurídicos Documentados é un tributo cedido, é dicir, que Galicia “conta con competencias normativas propias, polo que pode -en principio- establecer un réxime tributario que non coincida co de outras comunidades autónomas ou coa lei estatal”, iso non significa que ese poder sexa “ilimitado”.
Destacan os maxistrados que “non se indica en que medida establecer o domicilio en Galicia das sociedades de garantía recíproca favorece o cumprimento dos fins destas sociedades”, ao tempo que engaden que tampouco se especifica “en que medida resulta fortalecida a actividade financeira destas sociedades e o servicio prestado aos seus membros, xa que os socios non teñen por que ter a súa sede en Galicia, pois fálase de servicios financeiros que poden prestarse a distancia ou por medio dunha sucursal sita en Galicia”.