O impago de nóminas e as protestas chegan a Losan en Galicia catro anos despois do rescate da SEPI.
O comité de empresa anuncia un calendario de mobilizacións a partir do día 29 de decembro e alerta da "situación económica extremadamente grave" que vive a segunda maior madeireira galega.
Imaxe de arquivo dunha protesta en Industrias Losan / CIG
Novo fronte en Losán. O comité de empresa de Industrias Losán, a segunda maior madeireira galega, avanza un calendario de mobilizacións a partir do próximo 29 de decembro tras denunciar que a dirección aínda lle debe os soldos de outubro, novembro e o extra de Nadal.
As protestas comezarán diante do servizo de mediación (SMAC) da Coruña ás 10.15 horas do día 29 de decembro para reclamar “solucións urxentes”. Ao xuízo dos representantes dos traballadores, a situación chegou a un “punto límite” tras dous anos dunha “situación económica extremadamente grave” na que recoñeceu unha débeda superior a 200 millóns de euros, cos principais acredores na SEPI e entidades bancarias. “A empresa vive instalada nun proceso de reestruturación permanente que, lonxe de ofrecer solucións, está sendo pagado directamente polo persoal”, afirma.
Grupo Losán, empresa familiar con orixe en Curtis, cumpre agora o cuarto aniversario do rescate de 35 millóns de euros que recibiu en decembro de 2021 a través do Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas para paliar os efectos da pandemia. A firma conta cunha planta en Vilasantar e oficinas centrais na Coruña, así como centros de traballo en comunidades como Castela e León e Castela-A Mancha ou países como Estados Unidos, Romanía e Países Baixos.
O comité de empresa denuncia que actualmente non existe “información clara, nin prazos nin garantías reais” sobre unha suposta entrada de investidores nun plan de reestruturación negociado coa SEPI. Ademais de continuos atrasos no abono de soldos, os traballadores queixanse de que non se fixo efectiva a subida do 3,4% de salarios recollida no convenio de 2025.
“Non hai solucións á vista nin compromisos firmes a curto prazo”, resume, nunha situación de “incerteza” que afecta a 1.500 traballadores en todas as plantas de España, 200 deles nos centros de traballo de Galicia.