O Santander sae da mineira de Touro e Paramés cede o seu posto como segundo maior accionista
Trafigura e Cobas, a xestora de fondos do investidor galego, venden e reducen a súa participación en Atalaya Mining, que pasa do 40% ao 18%; a francesa Ithaki convértese no segundo accionista.
Estrea de Atalaya Mining no mercado principal da bolsa de Londres en 2024
Atalaya Mining, a empresa que promove o novo proxecto da mina de Touro, supera os 1.100 millóns de capitalización na bolsa de Londres, onde comezou a cotizar no mercado principal en 2024 e onde logrou unha forte revalorización durante o pasado exercicio, próxima ao 110%. En medio desa evolución positiva, e tamén durante a depreciación que acumula en 2026, o grupo que capitanea o enxeñeiro galego Alberto Lavandeira viviu cambios relevantes no seu accionariado.
Os seus dous principais accionistas hai un ano, Trafigura e Cobas, a xestora de fondos do investidor ferrolán Francisco García Paramés, venderon grandes paquetes de títulos. O propio grupo realizou unha colocación de 150 millóns de euros (12,73 millóns de accións) para financiar o seu proxecto galego e as novas iniciativas que está poñendo en marcha arredor do seu principal activo, o complexo mineiro de Riotinto en Andalucía. Tras estas operacións, o número de accionistas con menos dun 1% dos títulos pasou de representar o 29,7% do capital da compañía en agosto do ano pasado ao 57,5% actual.
Entre os grandes accionistas, só un, a francesa Ithaki, reforzou a súa posición nos últimos nove meses, pasando dun 6,9% de participación a un 8%. Grazas a iso converteuse no segundo maior accionista de Atalaya Mining, superando a Cobas e só por detrás de Trafigura. No baile desapareceron os bancos españois presentes no capital. Santander tiña en agosto de 2025 o 2,4% do grupo, pero xa non está entre os principais accionistas. Os de Ana Botín seguen o mesmo camiño que o Sabadell, que se desprendeu do seu 3% da compañía. Tamén Fairfax traspasou o seu 5,8% da compañía, que o situaba como cuarto maior accionista.

Paramés e Trafigura sacan 200 millóns
Cobas e Trafigura tiñan en agosto do ano pasado algo máis do 40% do grupo, agora reducido a un 18% tras a venda de parte dos seus títulos por preto de 200 millóns. O xigante das materias primas pechou o pasado febreiro o traspaso dun 8,5% do capital (14 millóns de accións) por uns 151 millóns de euros, o que reduciu a súa participación ao 10,9%.
Os fondos de García Paramés, pola súa banda, venderon un 5% da compañía mineira por uns 70 millóns de euros. Este paquete de accións foi a operación máis relevante de Cobas, que xa tiña reducido previamente a súa posición durante 2025, cando chegou a controlar o 18,6% do grupo. A participación actual, dun 7,1%, mantéñeno como terceiro maior accionista, aínda con moita vantaxe sobre Rovida, Muza Gestión, Blackrock, Global X Management e Allianz. Todos estes alcanzan o 2% dos títulos.