Os traballadores de Losán sinalan á SEPI pola situación límite da empresa.
O fabricante de taboleiro recibiu máis de 60 millóns de financiamento público, pero non paga os salarios desde o mes de novembro.
Protesta dos traballadores de Losan polos impagos da empresa / CIG
O persoal da madeireira Losán mobilizouse este xoves para denunciar os impagos da empresa e pedir a continuidade do emprego e a actividade produtiva nas plantas de Curtis e Vilasantar. O fabricante de taboleiro chegou ao 2023 como a segunda maior compañía do sector por volume de ingresos, por detrás de Finsa, pero sen resolver os problemas de liquidez que o obrigaron a iniciar negociacións con acredores para reestruturar máis de 200 millóns de débeda e presentar ao xulgado un plan de viabilidade que tampouco está a poder cumprir. As protestas dos traballadores, uns 200 en Galicia, coinciden co impago das nóminas de novembro e decembro. Tampouco se abonou a paga extra de final de ano.
A CIG explica que a protesta transcorreu entre unha intensa chuvia e frío, pero contou co apoio de ducias de veciños de Curtis e Vilasantar, incluíndo hostaleiros, comerciantes e talleres, que pecharon as súas portas ao paso da manifestación en solidariedade co persoal. O secretario da Federación de Construcións e Madeira en A Coruña, Mario Maceiras, vinculou a situación límite á que chegou o grupo a unha mala xestión empresarial e a unha administración incorrecta dos fondos públicos recibidos.
Como explicou este medio, a Xunta respaldou con sete millóns a Losán, mediante préstamos outorgados polo Igape (2 millóns) e Xesgalicia (5 millóns). A estes sumáronse os créditos ICO de 18 millóns que solicitou durante a crise sanitaria e os 35 millóns outorgados polo fondo de solvencia da SEPI para que o grupo saíse a flote tras a pandemia.

O papel da SEPI
E é precisamente á SEPI onde miran os traballadores para pedir que deixe de poñerse de perfil. Como principal acreedor do fabricante de taboleiro, o grupo empresarial público avalou, primeiro, o plan de viabilidade, e logo a tentativa de dar entrada a un socio investidor. Este era Mabesal, unha empresa con sede en Valencia integrada no holding Melarco, pero á última hora recuou. Losán trasladou ao persoal que buscará un novo investidor e que venderá activos en España para obter liquidez, pero iso tampouco ofrece certezas aos traballadores sobre cando e como cobrarán os seus salarios.
“O persoal non pode ocultar a súa profunda decepción pola actitude da SEPI, unha entidade pública que deu o seu visto e prace á operación co investidor, pero que permanece nunha posición de inacción mentres a situación se degrada. Non se esixen responsabilidades polos atrasos, non se activan mecanismos correctores e non se promove ningunha solución que permita aliviar unha situación xa claramente insostible. Non cuestionamos o marco legal nin o papel institucional da SEPI, o que reclamamos é implicación real”, di o manifesto do persoal.
O documento tamén culpa á dirección da falta de solvencia da madeireira, que ademais en Galicia ten plantas de produción en Castela e León e Castela-A Mancha. “O que está a pasar non é un accidente. É un problema enquistado no tempo, alimentado pola falta de decisións e pola deixación de funcións dunha dirección que non foi quen de garantir o normal funcionamento do grupo. Esta deriva provocou un goteo constante de saídas, moitas delas con sentenzas xudiciais que recoñecen incumprimentos salariais reiterados da empresa”, relata o manifesto.
As últimas contas de Losán
As últimas contas de Losán son as do exercicio 2023, que presentou con atraso e tras aprobar o plan de viabilidade cos acredores. Os números mostran case 24 millóns en perdas, fronte aos 2,3 millóns en ganancias do exercicio anterior. O resultado de explotación foi negativo por valor de 11,5 millóns, mentres que o resultado consolidado do ano alcanzou os 23,7 millóns en números vermello. Ademais dos gastos financeiros, de 14,7 millóns, influíu negativamente no balance o retroceso na cifra de negocio, que caeu desde os 343,6 millóns de 2022 ata os 274,1 millóns do ano seguinte.
A auditora advertiu que o fondo de manobra era negativo por valor de 92 millóns, ao igual que o fluxo de efectivo da actividade de explotación (por valor de 26,4 millóns), o que deixaba ao grupo en situación de concurso necesario dous anos despois de recibir os 35 millóns do fondo de solvencia da SEPI.