A promotora da mina de litio na fronteira con Galicia reduce perdas o ano antes de ‘pescar’ 110 millóns do Goberno luso
Savannah Resources, que estima ter a mina operativa a partir de 2027, pechou o pasado exercicio cun resultado negativo de 4,06 millóns de libras, un 4% por debaixo dos 4,24 do ano anterior.
Mapa do proxecto da mina en Boticas. Savannah Resources
Savannah Resources, a promotora que impulsa un proxecto de litio no municipio portugués de Boticas, a uns 25 quilómetros da fronteira con Galicia, recortou perdas en 2025. A compañía pechou o exercicio cun saldo negativo de 4,06 millóns de libras (uns 4,67 millóns de euros ao cambio) fronte aos 4,24 millóns (case 5 millóns de euros) do ano anterior.
“Os anos 2025 e o primeiro trimestre de 2026 foron períodos decisivos para Savannah, xa que continuamos fortalecendo os fundamentos técnicos, financeiros e estratéxicos do Proxecto de Litio Barroso.”, explican os administradores da compañía. Durante o pasado exercicio e os primeiros meses deste, Savannah Resources avanzou no estudo de viabilidade definitivo do proxecto así como nos procesos de obtención de licenzas ambientais.
O proxecto, declarado “estratéxico” en Bruxelas segundo a lei comunitaria de materias primas críticas, resultou en xaneiro pasado adxudicatario dunha subvención de 110 millóns do Goberno de Portugal. A axuda divídese en dous bloques. O primeiro deles, que concentra aproximadamente o 75% do capital (uns 82,25 millóns de euros), destinarase ao gasto do desenvolvemento inicial do proxecto. O 25% restante, máis de 27 millóns, estarán vinculados a “fitos de rendemento durante a fase operativa”.
“Agora que a Comisión Europea recoñece como proxecto estratéxico e conta co respaldo dunha subvención estatal portuguesa de ata 110 millóns de euros, a iniciativa atópase nunha posición cada vez mellor para converterse nun provedor de materias primas esenciais para Europa. O noso enfoque para o que resta de 2026 é claro: completar o estudo de viabilidade e o proceso de obtención de licenzas ambientais, avanzar na financiación e nas negociacións comerciais, e realizar os preparativos necesarios para comezar a construción do proxecto”.
Savanna Resources pechou o pasado exercicio dúas roldas de financiamento mediante accións coas que se recadaron un total de 14,6 millóns de libras esterlinas, case 17 millóns de euros ao cambio, que elevaron a 17,2 millóns de libras (19,76 millóns de euros) o efectivo da compañía.
A eles habería que sumar outros 5 millóns de libras (5,74 millóns de euros) reservados en depósitos bancarios a longo prazo que se destinarán “a futuras adquisicións obrigatorias de terreos e á finalización da adquisición do contrato de arrendamento mineiro de Aldeida”.
Macroproxecto de litio
A firma británica conta coa mineira holandesa AMG como socia para o que será o maior xacemento de litio de espodumena de Europa. A inversión prevista ronda os 236 millóns de dólares, arredor dos 204 millóns de euros ao cambio. Os plans da compañía pasarían por explotar un total de catro xacementos dos que se prevé extraer uns 1,5 millóns de toneladas de minerais durante os case quince anos de vida útil estimada da mina.
Segundo os cálculos da compañía, co proxecto conseguiríase o litio necesario para medio millón de vehículos eléctricos ao ano. En canto á produción anual, estímase que se superen as 191.000 toneladas de espodumena (o mineral a partir do cal se extrae o litio); a elas engadiríase a extracción dun coproducto de feldespato e cuarzo, cuxo destino final sería a industria cerámica, unha vez que entre en operación en 2027.
En agosto do ano pasado Savannah Resources publicou os resultados dalgunhas probas que elevaron as expectativas do proxecto e confirmaron os “altos e consistentes” niveis de litio nos principais depósitos do xacemento. Segundo estes estudos aproximadamente o 66% do mineral e do óxido de litio “clasifícanse nas categorías superiores dos estándares do Comité de Reservas Minerais (JORC)”.
Novos xacementos de litio
En recentes exploracións de superficie, Savannah Resources localizou novos indicios de presenza de litio noutra zona do proxecto. En concreto, falan dunha área de 400 metros de longo con orientación norte-sur, preto dun sector de pegmatita (rocha onde adoita concentrarse litio) chamado Carvalha da Bácora.

“Este novo xacemento investigarase con maior profundidade no seu debido momento, como parte do programa de exploración máis amplo e a longo prazo que Savannah está a levar a cabo en todo o proxecto para xerar un potencial de recursos adicional significativo, posterior ao estudo definitivo de viabilidade”.