Pelayo Capital, o grupo detrás de Breogán Park, compra a Inditex o histórico local da rúa Torreiro da Coruña.
O grupo transformará o local, que acolleu un dos primeiros Zara que abriron na cidade herculina, nun ximnasio low-cost “cunha proposta orientada á accesibilidade, tecnoloxía, amplitude de instalacións e amplos horarios”.
Tenda de Zara nos seus inicios. Na imaxe, a segunda que abriu as súas portas, na rúa Torreiro da Coruña. arquivo
Pelayo Capital, a xestora de investimentos que impulsa o proxecto para transformar o antigo centro Dolce Vita no parque comercial máis grande de España (Breogán Park), pechou a compra a Inditex do local comercial na rúa Torreiro da Coruña, punto de venda emblemático que acolleu un dos primeiros Zara que abriron na cidade herculina.
O local, que conta cunha superficie de uns 1.500 metros cadrados, xa foi arrendado a Fitness Park, cadea de fitness de orixe francés con máis de 400 centros operativos, dos que 80 se atopan en España e dous deles xa funcionando na Coruña. A compañía xa tería obtido a licenza e prevé iniciar nos próximos días as obras para adecuar o espazo, con previsión nos próximos meses.
“A implantación de Fitness Park en Torreiro suporá o maior ximnasio low-cost do centro da Coruña, cunha proposta orientada á accesibilidade, tecnoloxía, amplitude de instalacións e amplos horarios, seguindo o modelo que o operador vén despregando no mercado español”, explican desde Pelayo Capital.

Esta inversión súmase á que o grupo realizará para erguer o Breogán Park, “un proxecto pioneiro” por ser o primeiro en España no que se levará a cabo a transformación completa dun centro comercial en parque comercial e que estará operativo a partir do próximo ano. A iniciativa contempla unha inversión superior a 100 millóns de euros e unha estimación de creación de máis de 3.000 postos de traballo directos e indirectos.
“Esta operación resume moi ben a nosa tese de high-street value-add con vocación patrimonial na que seleccionamos ubicacións prime e activos con capacidade de reposicionamento para atraer operadores líderes, investir en mellorar o inmoble e xerar valor estable a longo prazo”, destacou o CEO de Pelayo Capital, Íñigo Veiga.

Os números de Pelayo Capital
O family office e firma privada de investimento inmobiliario con sede na Coruña pechou o 2024 multiplicando por tres os seus ingresos, pasando dos 266.285 euros en 2024 aos 778.396 euros.
En 2024 a sociedade, que xestiona activos por encima dos dez millóns, conseguiu reducir as súas perdas dos 642.736 euros aos 520.151. Pola súa banda, o resultado de explotación, propio da actividade da empresa, pasou dun saldo negativo de 868.000 euros a 306.000. Hai que ter en conta que a sociedade aínda está na fase de investimento para levar a cabo o seu proxecto no polígono de A Grela.