A propietaria de Larsa supera os 1.000 millóns de ingresos e dispara a súa rendibilidade en pleno recorte ás granxas
O ebitda de Central Lechera Asturiana, con plantas en Lugo e Vilagarcía, alcanzou os 65,9 millóns no pasado exercicio, un 16% máis.
Envasado de leite Larsa na fábrica de Outeiro de Rei (Lugo) / EP
O grupo Central Lechera Asturiana pechou o pasado exercicio cun incremento dos ingresos e da rendibilidade. Con dúas plantas en Galicia, a de Larsa en Outeiro de Rei (Lugo) e a de Vilagarcía de Arousa, a compañía alcanzou os 1.012 millóns de cifra de negocio en 2025, un lixeiro avance do 1,6% respecto ao exercicio anterior derivado da propia evolución do consumo nos mercados lácteos. A CLAS, o segundo grupo que máis leite recolle en Galicia, lle foi ben na nata e na manteiga, onde rexistrou crecementos nas vendas do 14% e 10% respectivamente.
A rendibilidade tamén mellorou respecto ao ano anterior. O ebitda pasou dos 56,6 millóns de 2024 aos 65,9 millóns, o que supón un incremento do 16%. O grupo lácteo atribúe o salto á eficiencia operativa, aínda que tamén á fortaleza das súas marcas no mercado, entre as que está Larsa. O avance nos beneficios prodúcese entre as protestas dos gandeiros polos recortes na renovación dos contratos de abril. CLAS non foi das máis agresivas e, de feito, mantén prezos especialmente altos en Asturias, aínda que si que baixou en Galicia, ao igual que Lactalis, Inleit ou os grandes provedores de Mercadona, Naturleite e Entrepinares.
O Grupo Central Lechera Asturiana baséase nun modelo cooperativo que integran 6.481 socios, dos cales 780 son socios activos. O cadro de persoal alcanza os 1.337 empregados. A asemblea xeral aprobou as contas este xoves.

Asemblea de Central Lechera Asturiana SAT
A recollida do leite
Durante 2025, o grupo recolleu 827 millóns de litros de leite, algo máis que o exercicio anterior. En Galicia compra aproximadamente o 11% da produción a través do seu brazo industrial, Capsa. Esta filial facturou 935,7 millóns de euros o ano pasado e, segundo destaca CLAS nun comunicado, alcanza unha cota de mercado do 16,3% en leite, do 17,3% en nata e do 19,5% en manteiga.
Actualmente, o grupo realiza arredor do 80% da compra do leite cos gandeiros de Asturias, segundo asegura, o que implicaría apenas 165 millóns de litros para a recollida no resto de comunidades, algo pouco verosímil tendo en conta que en Galicia superaba os 300 millóns de litros hai pouco máis de dous anos.
Ademais das plantas galegas, Central Lechera Asturiana ten instalacións en Asturias, Castilla e León, Comunidade de Madrid e Cataluña, que era tradicionalmente o seu terceiro mercado en abastecemento de leite.
