Un buque holandés con carga de Altri, á deriva en Portugal fronte a Figueira da Foz
Na mañá do luns, unha embarcación de carga rompeu o timón e quedou á deriva, con risco de afundimento e á espera de ser remolcada.
O buque Eikborg, de bandeira holandesa, quedou á deriva cando saía do porto de Figueira da Foz, ao romperse o seu timón. Foto: VesselFinder
Na mañá deste luns, os medios portugueses informaban de que un barco de carga con bandeira holandesa atopábase á deriva na entrada do porto de Figueira da Foz, con risco de afundimento tras perder o timón, supostamente por ter tocado fondo debido a unha acumulación de area. A embarcación saía do porto cargada con celulosa do grupo Altri, a compañía holandesa que pretende instalarse en Galicia e que ten unha das súas plantas industriais nesta zona do país veciño.
Segundo indica a axencia de noticias Lusa, sobre as once da mañá deste luns, desde a comunidade portuaria de Figueira da Foz indicouse que o buque Eikborg quedara sen controis, sen timón e á deriva, navegando para manterse a flote á espera da asistencia de remolcadores do porto de Leixoes, ao non haber ningún nin en Figueira da Foz nin en Aveiro.
Risco de afundimento
O vicepresidente da comunidade portuaria de Figueira, Paulo Mariano, indicou que dado á previsión de empeoramento das condicións meteorolóxicas existía o risco do afundimento do cargueiro, de 89 metros. “Se comeza a entrar auga na sala de máquinas, é probable que se afunda”, indicou.
O mesmo sostén que o accidente que produciu a rotura do timón do barco podería deberse a obras que está realizando a Agencia de Medio Ambiente do país, que leva a cabo unha transferencia de tres millóns de metros cúbicos de area do norte ao sur do país, para o reforzo de algúns areais.
Ante a situación, o porto de Figueira da Foz atópase pechado á navegación.
Segundo fontes portuarias, o cargueiro accidentado porta material da factoría de Celbi, do grupo Altri, unha planta de fibras celulósicas cunha capacidade de 800.000 toneladas ao ano.