Un xulgado condena a Renault a pagar 1.200 euros a cada afectado polo cártel de coches
O Xulgado do Mercantil número 1 de Valladolid estimou a demanda presentada polo despacho BGI Law en representación dos clientes incorporados na Asociación de Consumidores CUE-Galicia.

Nuevo prototipo Renault 5
Varapalo a Renault. O Xulgado do Mercantil número 1 de Valladolid deu a razón aos clientes que presentaron unha demanda contra os fabricantes de coches por ter formado un cártel para pactar prezos. As 12 demandas resoltas actualmente condenan a Renault ao pago dunha cantidade media de 1.200 euros por vehículo ao determinar que esta práctica supuxo unha subida nos custos dos vehículos para os clientes.
A demanda foi presentada polo despacho BGI Law en nome dos clientes incorporados na Asociación de Consumidores CUE-Galicia contra as diferentes marcas de vehículos que terían participado de forma irregular nun cártel para evadir a competencia natural entre eles.
A través dun comunicado, BGI Law subliña que estas condenas se producen “en base á comisión dunha práctica anticompetitiva, máis os intereses devengados desde a data da adquisición do vehículo”.
“O denominado cártel dos fabricantes de coches foi denunciado en 2013 pola empresa automobilística SEAT, que foi a encargada de destapar toda unha rede de intercambio de información sensible de aspecto comercial por parte de 26 grupos empresariais do sector do automóbil ‘coa intención de non facerse competencia entre eles e manter uns prezos elevados'”, destaca Antonio Heredero, socio de BGI LAW.
Entre as compañías infractoras estarían empresas como Toyota, Hyundai, Peugeot, ou Ford, así como o resto de marcas xeneralistas e algunhas das consideradas como de luxo.